ADEGA

Inicio / Novas / Todas / GN Hábitat, SGHN e ADEGA reclaman ao Estado a...

02-02-2024

GN Hábitat, SGHN e ADEGA reclaman ao Estado a restauración parcial da Lagoa de Antela

Dez ideas básicas e dez accións na Limia

1. A lagoa de Antela, na comarca ourensá da Limia, foi, historicamente, a zona húmida de maior valor ecolóxico de Galicia.

2. En 1958, e coa finalidade de gañar terreos para a agricultura, deuse comezo ás obras de desaugamento desta lagoa por parte da ditadura franquista.

3. Hai xusto 60 anos, en 1964, finalizan as principais obras de desaugamento. Estes traballos fixeron desaparecer case todo o valor ecolóxico da veiga, ademais de estragar o seu patrimonio cultural.

4. Logo de décadas nas que apenas houbo avances no referente á restauración hidrolóxica de Antela e da Limia, en novembro de 2020 o Goberno de España (á atención da ministra Teresa Ribera) recibiu unha proposta titulada "Antela, La Nava y La Janda: un trío de ases" da man dos tres grupos arriba asinantes -xunto a outros 19 colectivos e 31 científicos-. Neste documento propoñíase a restauración parcial da lagoa de Antela, en concreto 1028 hectáreas que eran de dominio público no momento do desaugamento (Decreto 2336/1962, do 20 de setembro). Estas 1028 hectáreas públicas foron malvendidas a colonos, resultando en terras marxinais para a agricultura debido ás inundacións recorrentes das mesmas.

5. En febreiro de 2021 a propia ministra falou publicamente de restaurar as lagoas de Antela, La Nava e La Janda.

6. Porén, en 2022 é aprobado polo Goberno de España o «Plan Estratégico de Humedales a 2030», publicado no BOE nº 301, de 16 de decembro de 2022. Nese Plan, dentro do apartado 3 “Mejorar y restaurar los humedales y reducir las amenazas”, está como meta “(...) conseguir restaurar parcialmente antes de 2030 (...) la laguna de Antela y áreas de su entorno en la depresión de A Limia (al menos 500 ha) (...)”.

7. A pesar de reducir á metade a extensión de zona restaurable que se plantexaba na nosa proposta (de 1028 a 500 ha), e pasar de concentralas na antiga lagoa de Antela a “difuminalas” en 500 ha da chaira limiá, desde a aprobación do Plan Estratégico de Humedales a 2030 ata hoxe (2.2.2024) non existiu ningunha acción relativa a dito compromiso na lagoa de Antela.

8. Os grupos arriba asinantes consideramos imprescindible para a comarca da Limia e para Galicia que o Goberno de España sexa ambicioso na súa aposta pola restauración de zonas húmidas limiás e mellora na calidade das súas augas, e que non se limite a esas 500 ha na Limia, senón que se restauren como mínimo as 1028 ha de terreos públicos na antiga lagoa de Antela e se realicen accións de recuperación hidrolóxica no resto da chaira limiá.

9. A recuperación hidrolóxica da chaira limiá debe ter parella a aplicación estrita da Directiva Marco de Augas (Directiva 2000/60/CE), para lograr unha calidade de augas cando menos aceptable na bacía da antiga lagoa de Antela, atallando os problemas de nitratos en augas que se veñen detectando (en aumento) nos últimos anos.

10. Como conclusión, na recuperación parcial da lagoa de Antela e da chaira limiá deberíanse incluír as seguintes dez accións:

10.1.       Restaurar completamente unha lámina continua de auga estable e de calidade nas 1028 hectáreas que eran de dominio público na antiga lagoa de Antela.
10.2.       Recuperar para a zona húmida outros terreos de menor ou igual cota a 617 m sobre o nivel do mar, lindeiros con canles de drenaxe ou que permitan conectar outras zonas asolagables dentro da antiga lagoa de Antela.
10.3.       Renaturalizar canles de drenaxe fóra da zona a restaurar pero dentro da antiga lagoa de Antela (arredor de 25 km de canles), seguindo as suxestións do traballo “Recuperación ambiental integral da Limia: unha utopía necesaria... e posible!”, elaborado pola Sociedade Galega de Historia Natural e publicada en 2001 na revista Paspallás número 32 (dispoñible online).
10.4.       Crear novas lagoas extensas e pouco profundas (1-2 m de profundidade por debaixo do nivel freático) en terreos de titularidade pública (aproximadamente 110 ha) limítrofes coa canle principal de Antela.
10.5.       Finalizar a restauración da Veiga de Gomareite que está a levar a cabo a Sociedade Galega de Historia Natural.
10.6.       Recuperar a morfoloxía lonxitudinal e transversal dos principais cursos fluviais da Limia (Antela, Limia, Fírbeda, Viduedo, Faramontaos, Nocelo, Trasmiras e Rego da Veiga), con creación de zonas húmidas nas súas beiras e restauración da vexetación nativa do espazo de ribeira que inclúa arborado de ribeira autóctono.
10.7.       Eliminar as pistas sen uso agrícola incluídas entre o "límite agrícola" (bordo das fincas con zonas inundables) e o río Limia nos concellos de Rairiz de Veiga, Porqueira e Vilar de Santos, para pasar de 25,5 km a só 4 km (os realmente necesarios para as servidumes de explotación).
10.8.       Corrixir o trazado da vía construída en 1985 entre as localidades da Saínza e Toxal-Airavella, xa que fragmenta innecesariamente unha importante zona da chaira de inundación.
10.9.       Cómpre recuperar en conxunto a dinámica hidrolóxica no espazo natural, retrocedendo as moutas lonxitudinais de defensa, recuperando as canles de meandro naturais dos ríos Limia, Fírbeda e Vidueiro no interior das chairas de inundación, e restaurando o conxunto inundable de Porqueira, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, Sarreaus, Trasmiras e Xinzo de Limia (incluíndo as veigas de Dornallo e do Bidueiro), entre outras medidas.
10.10.     Por último, débese garantir a aplicación estrita e inmediata da Directiva Marco de Augas en toda a comarca da Limia, para lograr un estado “bo” de todas as masas e cursos de auga, tanto superficiais como subterráneos, na comarca da Limia.

Asinamos esta petición o 2 de febreiro de 2024, xornada na que se celebra o Día Mundial das Zonas Húmidas, conmemorando o 53º aniversario do Convenio de Ramsar. Tamén se cumpren 60 anos da finalización das obras de desecación da lagoa de Antela. 

Grupo Naturalista Hábitat - GNHábitat
Sociedade Galega de Historia Natural - SGHN
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza - ADEGA

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal