ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Conclúen con éxito as xornadas de Economía...

27-01-2014

Conclúen con éxito as xornadas de Economía sostible de ADEGA

Máis dun cento de persoas asistiron ás dúas sesión de debate e reflexión.

O pasado venres, culminaron con éxito en Lugo as xornadas organizadas por ADEGA “Cara unha nova cultura da Economía sostible”, que trataron de dar a coñecer iniciativas que están a traballar por unha Economía máis sosible e socialmente xusta ou por un modelo enerxético máis respectuoso co medio natural e co cidadán.

O pasado 17 de xaneiro  tivo lugar na Deputación de Lugo a presentación dun novo paradigma económico, chamado “Economía do Ben Común” destinado para aquelas empresas e sociedades que non teñan como finalidade principal o beneficio económico, senón o social.

No segundo encontro das xornadas, unha mesa redonda conformada por diferentes coñecedores do funcionamento do sistema eléctrico español dispuxeron algunhas das claves precisas para acadar un modelo máis sostible e xusto tamén no sector eléctrico; a través da intervención do Estado, da transparencia informativa, dunha auditoría ao sector e dun sistema de prezos medios e non marxinais.

As xornadas contaron co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

A ECONOMÍA DO BEN COMÚN: A FINALIDADE É OUTRA

Javier Goikoetxea

Este novo paradigma económico foi explicado polo vogal de empresas da Federación española para o fomento da Economía do Ben Común, Javier Goikoetxea. Aínda que o termo é relativamente moderno, promovido polo austríaco Christian Felber e un grupo de empresario, a idea non é nova. Existen referencias do Ben Común desde a antiga filosofía grega ata os actuais textos lexislativos, pero todo queda no papel, asegurou Goikoetxea.

“Chegou o momento de traballar en serio polo Ben Común”, dixo, “e por unha economía onde o beneficio económico non sexa o fin, senón o medio”. O éxito das empresas que traballen dentro deste paradigma holístico, no que se unifican os niveis económico, social e político, será que todas as persoas vinculadas a elas estean a gusto.  

A empresa que queira participar deste modelo deberá realizar unha auditoría pola cal se cuantifica o grao de satisfacción dos seus diferentes actores sobre valores como a solidariedade, dignidade, sostibilidade, xustiza social, etc. Este barómetro do ben común trasladaríase a unha escala de puntos e de cores que aparecería na etiqueta dos produtos comercializados, ofrecendo ao consumidor unha información máis exacta sobre o nivel de benestar xerado pola empresa.  

Ao mesmo tempo, a Economía do Ben común propón a prohibición de certos elementos perniciosos do modelo económico actual como os paraísos fiscais, os socios capitalistas, a especulación, as Opas hostís ou as doazóns a partidos. Tamén esixe restricións para propiedade privada, as herdanzas e o salario máximo, de forma que se reduzan as diferenzas entre ricos e pobres.   Actualmente, unha ducia de empresas españolas están interesadas en formar parte da Economía do Ben Común.

O SITEMA ELÉCTRICO: INTERVIR O SECTOR E TRANSPARENCIA INFORMATIVA

Mesa sobre o

O economista e Máster en desenvolvemento económico e innovación, Adrián Dios, explicou por que se está a incrementar o prezo da luz, do que un 50% cando menos corresponde aos prezos estipulados polo oligopolio empresarial das eléctricas e ás peaxes establecidas polo Estado.  

Sinalou a existencia de trampas de mercado que sitúan ao consumidor de enerxía nunha posición de indefensión. O emprego dun prezo marxinal, pensado para o beneficio á alza das eléctricas, a súa opacidade ou falta de transparencia informativa, a intromisión no sector de intereses especulativos, ou a concentración do poder eléctrico en poucas empresas, que ademais son produtoras e distribuidoras ao mesmo tempo, impide o libre mercado e un prezos da luz xustos.  

Por outra parte, a capacidade mediática das grandes eléctricas están a estender entre a opinión pública, dixo o economista, “a idea errada de que o prezo da luz sube por culpa das enerxías renovables ou por mor do déficit tarifario”, a débeda contraída polo Estado coas empresas eléctricas por vender enerxía supostamente por baixo dos custes de produción. Adrián Dios puxo en cuestión a existencia deste desfase tarifario do que se descoñece de onde procede e a canto ascende na realidade: “nin o sector, nin o Estado están a fornecer á cidadanía destes datos”. Dios propón ao goberno central que, por primeira vez na historia,  audite o sector eléctrico para defender á cidadanía fronte a fraude. Mais, a administración semella ir do lado das eléctricas coa nova reforma lexislativa, que  reduce as competencias autonómicas sobre a enerxía ou penaliza a autoprodución. O economista lembrou que Galiza non adquire vantaxes competitivas pese a ser o territorio que máis electricidade produce no Estado; así, os galegos e galegas estamos a pagar custos de transporte de electricidade cara ao centro da meseta que non nos corresponden.  

Exposición sobre a cooperativa Nosa Enerxía

Pola súa banda, a técnica da Asociación de consumidores de Banca e seguros (ADICAE) achegou información práctica sobre como interpretar o recibo da luz e que medidas adoptar para reducir o seu prezo. Alén dos coñecidos hábitos sostibles de aforro e eficiencia enerxética que podemos poñer en práctica nos nosos fogares, tamén é aconsellable reducir a potencia contratada ou revisar se pagamos con ou sen discriminación horaria (tarifa nocturna), recomendable  cando conseguimos trasladar o 30% do noso consumo eléctrico ao horario nocturno.  

Verónica Paz chamou a atención sobre o bono social para aquelas persoas máis desfavorecidas, familias numerosas, familias con todos os membros en paro ou pensionistas con prestacións mínimas, que se pode solicitar ao Estado. E, por último, advertiu ao consumidor de que revise concienzudamente as ofertas das eléctricas ou que acuda a asociacións de consumidores para saber interpretar os datos.  

O terceiro membro da mesa “O sistema eléctrico, a tarifa eléctrica” foi o presidente da recentemente creada cooperativa galega “Nosa Enerxía”, Pablo Álvarez. A partir de mediados de ano, esta cooperativa comezará a vender enerxía con certificado verde a todos os seus socios por un prezo igual ou menor ao convencional. Funcionará nun sistema de participación aberta, no que o socio é copropietario de enerxía, participa na toma de decisións  e pode acceder a outros bens e servizos de carácter social ou ambiental propostos pola cooperativa. “A idea non é facer capitalismo verde”, dixo Álvarez, “senón tratar de xerar só o que consumimos”.


Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal