ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA insta á Deputación de Ourense a suspender a...

06-08-2021

ADEGA insta á Deputación de Ourense a suspender a organización do Rally Hispania no Macizo Central

A organización do evento carece dos permisos necesarios para poder celebrar o rally nun espazo natural protexido.

Fonte imaxe: La Voz de Galicia


O Servizo de Patrimonio Natural de Ourense vén de confirmarlle a ADEGA que nin a Deputación de Ourense nin a empresa promotora do evento teñen autorización ambiental para celebrar o vindeiro mes de outubro o “Rally Hispania” en Zona de Especial Conservación ZEC Macizo Central e Rede Natura 2000.

A celebración do evento “Rally Hispania”, segundo o anuciado pola Deputación de Ourense o pasado mes de xullo, terá lugar entre os días 16 e o 22 de outubro, no que se prevé que uns 180 pilotos de 26 países percorran en motos, quads e SSV máis de 1.500 km da provincia, atravesando de cheo o ZEC Macizo Central Ourensán. Na presentación do evento, na que participou o presidente da Deputación, Xosé Manuel Baltar, indicábase así mesmo que a Estación de Montaña de Manzaneda sería o centro de operacións do campionato, cualificado como único rally internacional Tour Terrain do territorio estatal.

Tras ter coñecemento do anuncio do evento, a organización ecoloxista ADEGA solicitou información na Xunta sobre as autorizacións emitidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural ou por outros servizos competentes para a celebración deste campionato masivo e potencialmente agresivo coa contorna, especialmente, nunha zona de especial conservación e espazo natural protexido. Tanto o centro operacional do evento como o percorrido da carreira motorizada afectan directamente á Zona de Especial Conservación ZEC e ZEPVN Macizo Central e zona de Rede Natura 2000. O ruído, a contaminación, o risco de atropelo e a concentración de vehículos a motor suporía un impacto inasumible para esta zona ambientalmente sensible na que se atopan hábitats de especial interese comunitario e especies ameazadas ou cun estado conservación vulnerable.

En resposta a esta consulta, a Xefatura Territorial de Ourense da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivienda vén de confirmar a ADEGA que “no Servizo de Patrimonio Natural de Ourense non se recibiu solicitude ao respecto da celebración do evento referido”.

ADEGA insta, por tanto, á Deputación de Ourense, a que desconvoque publicamente o acto e suspenda de inmediato a organización do mesmo. Tamén lle reclamamos que non promova a celebración de eventos agresivos co medio ambiente e dirixidos a multitudes en Espazos Naturais Protexidos (ENP), non só por carecer das autorizacións administrativas preceptivas, sobre todo, porque o impacto deste tipo de eventos deportivos é inasumible en  áreas de especial sensibilidade ambiental e ecolóxica.

ADEGA apela á Deputación ourensá e tamén á Xunta, que aparece como patrocinadora do evento, para que abandonen este tipo de actitudes pouco respectuosas coa normativa ambiental e cos espazos naturais protexidos, para apostar decididamente polo coidado e preservación da escasa e xa maltratada Rede Natura de Galiza, na que deberían potenciarse outro tipo de eventos ou actividades máis acordes, compatibles e respectuosas co medio ambiente.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal