ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Resolucións da 38 Asemblea Xeral de ADEGA e...

12-01-2014

Resolucións da 38 Asemblea Xeral de ADEGA e entrega dos premios Osíxeno 2013

Residuos, ENCE, minaría e banca pública.

Resolucións da 38 Asemblea Xeral de ADEGA

RESIDUOS: A Asemblea de ADEGA anima a todos os responsábeis municipais galegos a promover nos seus concellos, mancomunidades e deputacións sistemas alternativos para o tratamento do lixo á marxe ou complementares con SOGAMA. O debate sobre o modelo de xestión dos residuos non debe facerse só en clave económica, atendendo unicamente ao prezo do tratamento: Aconteceu que o modelo SOGAMA, baseado na incineración e o vertido, fracasou. É pois unha obriga dos responsábeis públicos apostar por modelos máis ecolóxicos, económicos e solidarios para a xestión dos residuos. Con valentía política e compromiso coa cidadanía pódense pór en marcha iniciativas para reducir dende xa a dependencia de SOGAMA.

ENCE: A Asemblea de ADEGA esixe da Xunta de Galiza un posicionamento negativo á permanencia de ENCE na ría de Pontevedra máis aló de 2018. A modificación da Lei de Costas abre a porta á permanencia de ENCE en Lourizán por outros 75 anos. A Xunta non pode mirar para outro lado e debe manifestar claramente ao Ministerio que calquera decisión que non pase pola marcha/traslado da celulosa en 2018 é inaceitábel. A Asemblea de ADEGA quere expresar tamén a súa solidariedade e firme apoio áveciñanza de Pontevedra na súa loita contra ás intencións da pasteira e os seus valedores políticos de perpetuarse como principal foco contaminante na ría, coartando as posibilidades de rexeneración e o desenvolvemento dos seus habitantes.

MINARÍA: A Asemblea de ADEGA esixe da Xunta de Galiza que publique xa a resolución do rexeitamento definitivo do proxecto mineiro de Corcoesto. Paralelamente, esiximos a retirada do Plano Sectorial de Actividades Extractivas que permitirá á patronal mineira asaltar novos territorios até agora vedados: Espazos naturais, paisaxes protexidas, xacementos históricos... Calquera modificación ou desenvolvemento do actual marco normativo (Lei da Minaría) debería establecer un veto á megaminaría contaminante, ao uso do cianuro, e antepoñer o ambiente, os usos produtivos compatíbeis e a saúde das persoas ao beneficio das mineiras.

A Asemblea de ADEGA tamén quixo facer un exorto a respeito da perda das institucións financeiras galegas, expresando a súa solidariedade cos estafados/as polas preferentes e os emigrantes saqueados polas multas de Facenda, e instándo á cidadanía galega a apostar pola banca ética e opcións financeiras como as que representa Fiare.

Entrega dos premios Osíxeno 2013

Após da Asemblea e do decurso do xantar de confraternidade, fixemos entrega dos Premios Osíxeno 2013. Desta volta, foi o presidente da APDR Antón Masa, o alcalde de Rianxo Adolfo Muíños, e o avogado de Nunca Máis Pedro Trepat os que recolleron os Osíxenos 2013 nas súas categorías de Honra, individual e colectivo, respeitivamente. O premoi consistíu nun diploma comemorativo e unha escultura do oleiro e artista carnotán Nacho Porto, elaboradas no seu alfar ao pé do Monte Pindo.

Podes ver máis fotografías neste Álbum Web. Autor. Ramsés Pérez

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal