ADEGA

Inicio / Campañas / #SalvemosCovasVale. Asina polo estudo e...

#SalvemosCovasVale. Asina polo estudo e protección integral das covas e da súa contorna

Peticiónen Change.org

Asina polas Covas de Vale: http://chng.it/GqjGBhNp8B

As Covas de Vale, situadas no concello lucense de Baralla, están ameazadas por un proxecto mineiro aprobado en 2007 pola Dirección Xeral de Minas da Xunta de Galiza, en conivencia co goberno local. Malia a estar inventariadas no catálogo de bens patrimoniais de Galiza, a tramitación do proxecto mineiro segue o seu curso e, por tanto, as covas tamén seguen en perigo.

Segundo un informe preliminar da Universidade de Santiago de Compostela, as covas detectadas pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) no monte das Labradas da parroquia de Vale (Baralla) e a súa contorna presentan un grande interese cultural e natural, polos seus valores xeolóxicos, pola biodiversidade asociada a este tipo de formacións xeolóxicas e por conter recheos sedimentarios, fundamentais para a reconstrución paleoambiental do Cuaternario galego. Ademais, suxiren a posibilidade de que estas covas conteñan restos de grande valor paleontolóxico e arqueolóxico do Plistoceno (de hai máis de 12.000 anos) e que, incluso, acollan manifestacións artísticas rupestres de antigos asentamentos humanos.

Ademais, ADEGA constatou na contorna natural das covas a presenza de seis hábitats naturais de interese comunitario, polo menos un de interese prioritario, especies de flora calcícolas moi escasas no territorio galego e unha especie vulnerable de morcegos. Tamén detectou evidencias da utilización das covas como lugar de alimentación e nidificación de varias especies de aves protexidas polo ordenamento legal.

Dado o risco ao que poderían estar sometidos todos estes valores, ADEGA lanza a campaña #SalvemosCovasVale. Unha oportunidade para que todas as persoas preocupadas polas preservación do patrimonio común insten á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza a protexer de forma efectiva as Covas de Vale, realizar unha prospección integral destas formacións calcarias e rexeitar novas explotacións mineiras na súa contorna.
Tamén instamos ao Concello de Baralla a protexer as Covas de Vale e a súa contorna natural no Planeamento de Ordenación Municipal.

*ADEGA contou cunha axuda da Deputación Provincial de Lugo para costear en parte o vídeo-documental #SalvemosCovasVale.


Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal