ADEGA

Inicio / Organización / Delegacións / Alto Ulla

Alto Ulla

Eira da Xoana, Ramil s/n
36520 Agolada

  • Teléfono: 638 475 322

Marcial Barral  [ Presidente ]

ADEGA-Alto Ulla xurdiu da necesidade de aglutinar forzas e procurar unha resposta positiva e organizada a respeito da problemática presentada na primeira década dos anos dous mil.

A ameaza que representaran os proxectos de construción de encoros en toda a cabeceira do rio Ulla, cos seus principais afluentes Arnego, Pambre e Deza, trouxera consigo unha mobilización sen precedentes na área. Promoveuse a creación dunha Plataforma para loitar en favor dos ríos, organizando para isto moi diversas actividades reivindicativas, que tamén tiñan un carácter deportivo, lúdico e festivo. Implicámonos e fomos elemento aglutinante doutras asociacións, empresas dos concellos limítrofes e mesmo as propias entidades municipais, provinciais (Coruña, Lugo e Pontevedra) e autonómicas. Conxuntamente coas empresas de Turismo Activo e Varios clubes deportivos, organizamos actividades como : baixadas en rafting polos rios Ulla e Arnego e as copas galegas de kaiak- extremo nas Torrentes do Ulla.

Froito desta dinámica foi a criación da sede da nosa delegación : a “Eira da Xoana”. Non por humilde menos marabillosa, a nosa casiña é un verdadeiro centro de recuperación de saberes e de dinamización da nosa contorna rural, sen perder un chisco do noso espírito reivindicativo.

Abranguendo a bisbarra natural do Alto Ulla, os territorios de Arzúa, Deza, Melide e A Ulloa están regados polos ríos Iso, Furelos, Pambre, Arnego e Deza. Estes ríos, abrazados polo Ulla, percorren os fondos vales formados entre montañas que superan, en moitos casos, os 800 metros.

Desde o Bocelo, o Careón, o Farelo, o Faro, o Candán e o Carrio, pódense divisar os puntos estremeiros do noso país : dos Ancares-Caurel ao macizo central ourensán, pasando polas torres de Meirama, perto da Coruña, e os montes Meda e Xiabre que conforman a ría de Arousa.

Estamos, por tanto, na cerna do País e desde aquí queremos continuar a traballar con forza e compromiso na defensa da terra e os seus valores ambientais, patrimoniais e culturais.


ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal