Inicio / Números anteriores / Caderno nº 6 - A compostaxe...
Páx. 41-50
Nun solo, sen a intervención humana, o proceso de rexeneración do mesmo está perfectamente equilibrado. Os animais pastan e aliméntanse dos vexetais ou doutros animais. As follas e restos vexetais, xunto cos excrementos, caen na terra e rexeneran o chan con aporte de materia orgánica. Na materia orgánica hai unha fauna microbiana que a transforma en nutrientes. Entón comeza de novo o ciclo. Coa intervención humana en pequenos cultivos ou granxas autosuficientes, o proceso mantense. Non sucede así cando a agricultura se converte nun proceso produtivo intensivo. Entón os residuos xéranse nas cadeas de transformación e consumo do froito, e deposítanse en vertedoiros. Igual tratamento levan os excrementos e restos de animais. As consecuencias máis graves desta agricultura industrializada son unha perda de calidade dos produtos e unha contaminación do medio.
Páx. 51-57
Hai unha arraigada tradición que di que os solos de Galicia teñen materia orgánica abonda e que, polo mesmo, non precisan da súa adición para manter dun xeito sostido a súa produtividade. Isto pode ser certo nos terreos a monte onde, dun xeito xeral, os contidos en materia orgánica se poden considerar altos ou moi altos. Nas terras de cultivo a situación non é a mesma. O traballo seguido a que someten os labregos ao solo, volteando e aireando a terra varias veces ao ano e o clima galego, fan que a materia orgánica se oxide con facilidade desaparecendo pouco a pouco. A explicación que se lle deu a esta práctica baseábase sobre todo nos elementos fertilizantes clásicos que o esterco lle engadía ao solo. A doutrina clásica da fertilidade do solo, que consideraba case exclusivamente as propiedades químicas coma factor de produtividade, soportou estas consideracións e mantívoas en determinados círculos mesmo deica os nosos días.
Páx. 59-62
ADEGA oferta unha serie de actividades de educación ambiental a centros de ensino primario e secundario de toda Galiza. Entre elas destacan aquelas relacionadas co lixo, incluído un obradoiro de compostaxe. Estas actividades contaron coa colaboración activa do profesorado de numerosos centros nos que xa se realizaron, que na maioría dos casos tiña tratado estes temas ou ía facer un seguimento dos mesmos. Tamén se realizaron algunhas campañas de educación ambiental en barrios e asociacións culturais e veciñais, sobre todo obradoiros de reciclaxe de papel e de xoguetes de refugallo, así como xogos de rol e murais.