ADEGA

Inicio / Axenda / Almanaque / Xornadas: "Cara unha nova cultura da...

Do 17-01-2014 ao 24-01-2014

Xornadas: "Cara unha nova cultura da economía sostible"

Cartaz das xornadas

ADEGA organiza para os días 17 e 24 de xaneiro, ás 20 horas, as xornadas “Cara unha nova cultura da economía sostible” que terán lugar na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo. Serán unha conferencia e unha mesa redonda nas que se tratarán diversos aspectos sobre a relación entre a Economía e o medio ambiente e as novas formas de xestión que se están a promover na dirección da sostibilidade. En concreto, exporanse algunhas posibles solucións á problemática suba dos prezos da enerxía e tamén se darán alternativas á actual “lei da selva económica” coa presentación dunha novedosa iniciativa chamada a “Economía do Ben Común”.

A Economía do Ben Común

O venres 17 de xaneiro, exporá a idea deste novo movemento Javier Goikoetxea, vogal de empresas da Federación española para o fomento da Economía de Ben Común. A iniciativa está a espallar un modelo económico no que as mesmas empresas se corresponsabilizan das súas accións, e non unicamente en base aos beneficios económicos para os seus accionistas, senón tamén con miras ao beneficio que achegan á sociedade, facendo uso dun sistema de información transparente no que consumidores/as e empresas poden avaliar os beneficios sociais á hora de mercar ou vender un determinado produto. Actualmente xa forman parte deste proxecto numerosas empresas europeas.

O sistema eléctrico, a tarifa eléctrica

A tan odiada tarifa eléctrica e o seu sistema de fixación de prezos  e as posibles solucións para o consumidor de enerxía serán abordadas o venres 24 de xaneiro por unha mesa redonda composta por:

-Adrián Dios, autor dunha tese sobre o sistema eléctrico;
-Iria Aguete, voceira da asociación de consumidores ADICAE;
-Pablo Álvarez, presidente da cooperativa verde de consumo enerxético,  “A Nosa Enerxía”.

As súas intervencións e as do público asistente serán moderadas por Manuel Soto, profesor da Universidade da Coruña e membro de ADEGA, co obxectivo de tentar comprender o actual panorama enerxético e atopar solucións.

As xornadas contan co apoio da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo e estarán destinadas para o público xeral. Ambos os dous actos  suporán a exposición de alternativas reais á depredación económica actual e tentarán servir de axuda a todos os cidadáns descontentos co actual discorrer das cousas. Por estes motivos  desde ADEGA convidámosvos a todos e a todas a participar agardando que sexan do maior interese.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal