ADEGA

Inicio / Axenda / Educación ambiental / Bioblitz nos ríos Limia e Bibei

Do 06-05-2025 ao 09-05-2025

Bioblitz nos ríos Limia e Bibei

ADEGA organiza, no marco do Proxecto Fluviatilis, dous bioblitz ou descubertas de biodiversidade para a vindeira semana, coincidindo coa Semana sobre Especies Invasoras celebrada simultaneamente en Portugal e no Estado español.

A primeira destas actividades terá lugar no río Limia, en Xinzo de Limia, o vindeiro martes, 6 de maio, xunto co alumnado do IES Lagoa de Antela, en xornada de mañá (de 10:00 a 13:00). A segunda desenvolverase no río Bibei, na Pobra de Trives, co alumnado do centro educativo Monteledo, de 17:00 a 20:00 horas.

Estas iniciativas consisten en realizar un censo exhaustivo das especies de flora e fauna nun período de tempo reducido. Trátase de actividades de Ciencia Cidadá e de descuberta da biodiversidade local, nas que o persoal de educación ambiental de ADEGA, xunto co alumnado de ambos centros de ensino, tentarán identificar o maior número posible de organismos vivos que habitan no río Limia e no río Bibei.


Proxecto Fluviatilis

As actividades, tanto de xestión e control de especies exóticas invasoras como de educación, sensibilización e voluntariado ambiental dirixidas a diferentes públicos, son unha das propostas do proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal