Radio CERNA

Radio CERNA

Buscador

Formulario de busca

03/05/2024   [26:00:00]   [12.23 MB]

AUDIO ROLDA DE PRENSA | Greenfiber impediría o cumprimento da Directiva Marco de Auga e suporía o colapso da Ría de Arousa

03.05.2024 |  A Plataforma na defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) alertan da inviabilidade ecolóxica do proxecto de Greenfiber (Altri e Greenalia) por constituír o golpe de graza do río Ulla e da ría de Arousa. A vogal de augas de ADEGA, Ana Fernández Santamarina, advertiu en rolda de prensa que o levantamento dunha planta de celulosas na parte alta da bacía do Ulla terá consecuencias negativas para toda a bacía, a cal se verá afectada de maneira significativa, tanto pola detracción de caudais como pola contaminación con elevadas cantidades de compostos químicos orgánicos. A fábrica de Altri comprometerá así, non só a viabilidade ecolóxica do río Ulla, senón tamén a de outros usos aos que se destina a súa auga, e impactará directamente a medio e longo prazo sobre a ría máis produtiva de Galiza, a Ría de Arousa.

Escoita toda a rolda de prensa! 

25/04/2024   [10:00:00]   [7.11 MB]

Boletín informativo ambiental 26/04/24

A Xunta deixa a porta aberta a financiar a macrocelulosa de Altri na Ulloa. Mentres, cada vez máis persoas se unen á defensa da Ulloa fronte ao proxecto. A primeira gran manifestación para mostrar a forza social terá lugar o 26 de maio en Palas de Rei, convocada pola Plataforma Ulloa Viva. Doutra banda, ADEGA e plataforma veciñal de afectados e afectadas pola A-57 conseguen en tempo récord os fondos necesarios para recorrer a autovía A-57 de Pontevedra na Audiencia Nacional. E Medio Rural está a destruír a Devesa do Lusío en Samos ao non facer efectiva unha orde de paralización. Todo isto e máis, en Radio Cerna!

18/04/2024   [10:00:00]   [24.21 MB]

A loita contra a celulosa de Altri, en Bruxelas

A loita contra a macrocelulosa de Altri chega a Bruxelas. O pasado 15 e 16 de abril, da man da eurodeputada do BNG Ana Miranda, representantes de ADEGA (a vogal de augas, Ana F. Santamarina), Ulloa Viva, Santiso Vivo, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción ou Queremos Parcelarias Xa, xunto con persoal científico e alcaldes dos municipios afectados, visitamos o Europarlamento e a Comisión Europea para denunciar o atentado ambiental que supón a instalación desta factoría na Ulloa. Alí reunímonos con alto funcionariado especializado en normativa medioambiental e expuxemos todos os impactos ambientais e socioeconómicos que implicaría Altri. Estas son as intervencións dos diferentes colectivos en loita contra Altri aos medios de comunicación ao remate das dúas xornadas de traballo. Escoita! 

18/04/2024   []   [7.14 MB]

Boletín informativo ambiental 19/04/24

Viaxe de ADEGA canda a outros colectivos a Bruxelas para denunciar o proxecto de celulosa que pretende instalar Altri na Ulloa. A Xunta de Galiza coñecía a presenza de especies ameazadas no espazo que ocuparía esta factoría e evitou protexelo. Ademais, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza paraliza cautelarmente un novo proxecto eólico a instancias de ADEGA, o Rodicio II; e a organización impulsa unha nova campaña de recadación para frear outro parque, o Monte Xesteiros. Isto e máis, en Radio Cerna!

11/04/2024   [10:00:00]   [7.11 MB]

Boletín informativo ambiental 12/04/24

A Coordinadora Eólica Así Non concéntrase diante do Parlamento de Galiza ao berro de "Rueda escoita, seguimos en loita!" na xornada da investidura do presidente Alfonso Rueda. Os colectivos esíxenlle un cambio radical na súa política enerxética. Ademais, o TSXG suspende de forma cautelar outros sete proxectos eólicos, dous deles a instancias de ADEGA. Xa son 27 en total. ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian ante a Valedora do Pobo o abandono e degradación do xacemento arqueolóxico da Roda en Barreiros, Lugo. Todo isto e máis, en Radio Cerna! 

04/04/2024   [10:00:00]   [7.08 MB]

Boletín informativo ambiental 05/04/24

Altri segue no foco mediático cun proxecto de macrocelulosa con altos impactos ambientais, sociais e económicos para a comarca da Ulloa e o conxunto do país. Ademais, a campaña de doazóns Salva o Lérez. Stop A-57 recada xa máis do 60% dos fondos necesarios para levar un treito da autovía A-57 aos tribunais.  A coordinadora eólica así non chama a participar na manifestación deste sábado 6 de abril en Burela por un modelo alternativo de desenvolvemento da eólica en Galiza. Todo isto e máis, en Radio Cerna. Escoita!

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal
Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal