Revista CERNA

Artigos de Ordenación do territorio. Revista CERNA, medio ambiente e ecoloxismo da man de ADEGA

Proxecto de re-naturalización dos terreos ocupados por Ence na ría de Pontevedra

Jorge Rodríguez Álvarez

CERNA Nº 90 - Consumo crítico

Páx. 21-23

Ata finais dos anos cincuenta do século pasado, Os Praceres era un idílico enclave da parroquia de Lourizán, na ría de Pontevedra. A súa beleza atraía ilustres visitantes e dinamizaba a economía local, baseada na actividade marisqueira e no incipiente turismo. No ano 1958 o réxime de Franco decidiu, malia a protesta da veciñanza, facer un recheo de 50 ha sobre a ría, e construír o complexo Ence-Elnosa para a fabricación de pasta de papel e cloro. Estas instalacións levan degradando os valores ambientais e paisaxísticos da comarca durante 65 anos. A oposición cidadá segue sendo intensa pese á propaganda corporativa e as presións exercidas pola empresa. Co obxectivo de visualizar o potencial deste territorio tras a marcha da fábrica, a Asociación Pola Defensa da Ría e a Escola de Arquitectura da Coruña colaboraron na elaboración dunha proposta para a re-naturalización do ámbito ocupado polo complexo industrial.

A loita contra Ence. Un novo e apaixonante escenario!

Antón Masa

CERNA Nº 85 - Especial Vaga Eólica I

Páx. 5-9

As sentenzas ditadas o pasado mes de xullo pola Audiencia Nacional anulan a prórroga de 60 anos concedida a ENCE polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy. Agora a loita contra a fábrica de celulosa na Ría atópase nun novo escenario, abríndose unha xanela de esperanza a unha nova situación que permitirá recuperar o espazo roubado en Lourizán e a recuperación da Ría para a explotación racional dos recursos marisqueiros e turísticos.

A propaganda das "aldeas modelo"

Xurxo Álvarez

CERNA Nº 83 - Electrointensivas con data de caducidade

Páx. 29-30

Baixo o nome de “aldeas modelo” a Xunta asegura que pretende fomentar a posta en marcha de actividades agrogandeiras na franxa máis próxima ás vivendas, de xeito que non sexa precisa a limpeza da matogueira ou roza para previr lumes. A finais de decembro de 2020, segundo informaban, estaban rexistradas 60 peticións para aldeas modelo, das que 18 xa estaban en marcha, unha ducia delas en fase de execución, e dúas, as de Osmo (Cenlle) e Trascastro (O Incio), en funcionamento.

O medio ambiente nos Concellos: a Ría de Ferrol

Pedro Santiago/Cerna

CERNA Nº 11 - -

Páx. 37-40

Aínda sendo unha comarca densamente povoada, Ferrol carece dunha industria pesada que xenere fortes problemas ambientais, e persisten numerosas zonas en estado case natural, algunhas delas protexidas. Ademáis analízase a situación dos demáis concellos da ría, como Mugardos, Ares, Neda, Fene e Narón. Destaca o caso de Mougán, que constitúe a mellor solución ao problema do lixo para a maioría dos concellos que optan pola reciclaxe e a compostaxe frente á incineración.

O Plan de Ordenamento dos Recursos Naturais das Fragas do Eume

Rogelio Fernández Díaz

CERNA Nº 12-13 - -

Páx. 14-20

O PORN é un documento técnico de traballo que establece unha situación de óptimos, e que serve exclusivamente de base para unha saída necesariamente negociada. Os obxectivos básicos do PORN son a conservación, o apoio loxístico e o desenrolo sustentable.Inclúese ademáis un artigo de Carlos Vales titulado "Parque Natural das Fragas do Eume: Virtudes e defectos do Proxecto" e outro referido ó "Posicionamento de ADEGA ante o PORN das Fragas do Eume" de Manuel Soto Castiñeira.

OPINIÓN: Éxito na loita contra os impactos ambientais das concentracións parcelarias?

Miguel Marvoa

CERNA Nº 18 - -

Páx. 31

Miguel Marvoa, do MEL (Movimento Ecoloxista da Limia) analisa o proceso de luita contra os efeitos ambientais da concentración parcelária na Limia, e por extensión na Galiza. Fai-no a través do seguimento da denúncia presentada ante a Unión Europeia, sen poder chegar a conclusión de que en Bruselas a preocupación polo meio ambiente esté a altura do que a miudo presupomos. De todas formas, esa denúncia, xuntamente co resto da forte campaña desenvolvida en todo o pais sobre este tema, deron de si algúns resultados positivos, traducidos polo momento na realización de estudos sobre o impacto ambiental das parcelárias, na paralisación da concentración de Congostro, na consideración a nivel interno de Estructuras Agrárias de certas medidas preventivas, e na posibilidade de que os proxectos de concentración sexan sometidos no futuro a Avaliación de Impacto Ambiental.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal