CERNA Nº 87 - Espazos protexidos e conservación de aves
Páx. 10-12
Organismos internacionais como poden ser a Organización das Nacións Unidas (ONU), a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e mesmo a Unión Europea, recomendan que o futuro dos montes pase por unha tenencia máis xusta destes territorios, evitando a súa centralización en poucas mans, pasando tamén por dar protagonismo aos seus titulares nos procesos de posta en valor.
CERNA Nº 87 - Espazos protexidos e conservación de aves
Páx. 13-16
Os Montes Veciñais en Man Común son unha figura singular e fundamental da realidade galega que, a partir da acción colectiva, xestiona grandes extensións de monte. Un dos concellos con relevancia no tocante á propiedade comunitaria é o de Ponteareas. Neste municipio realizouse un proxecto de investigación para estudar a traxectoria histórica dos montes en man común e das institucións colectivas que os gobernan. Tamén se abordou a situación presente e se tentou albiscar sobre as dinámicas futuras.
CERNA Nº 86 - Especial Vaga eólica II
Páx. 5-8
O quecemento global e episodios imprevisibles como a pandemia fan que os territorios persigan a autonomía alimentaria que lles garanta o aprovisionamento de produtos básicos de consumo humano. O artigo amosa a extrema debilidade de Galicia no capítulo esencial dos alimentos frescos debido ao abandono do agro nas últimas décadas, nun nivel sen parangón en Europa. A política de inzar o rural galego de eucaliptos provocou, ademais de gravísimos efectos perniciosos de diversa caste, o declive das árbores de froito comestible e da superficie agraria ata valores mínimos. Resulta imprescindible reverter o proceso de forma urxente.
CERNA Nº 86 - Especial Vaga eólica II
Páx. 9-12
Os eucaliptos, principalmente a especie Eucalyptus globulus Labill., experimentaron unha rapidísima expansión en Galicia desde a segunda metade do século XX, pasando de estar practicamente ausentes ata 1940 a ocupar a comezos do século XXI 433.916 hectáreas entre masas puras e mixtas, debido ás plantacións que proliferaron ao abeiro da industria papeleira, madeireira e, máis recentemente, bioenerxética. Este dato provén do IV Inventario Forestal Nacional do ano 2009, agardándose unha extensión moito maior na actualidade. Con motivo da aprobación do novo Plan Forestal de Galicia (2021-2040), que substitúe ao seu predecesor do ano 1992, no presente artigo revísanse os impactos ecolóxicos asociados á principal formación arborada do país.
CERNA Nº 85 - Especial Vaga Eólica I
Páx. 11-14
O día 24 de febreiro de 2021 o Pleno do Parlamento de Galicia aprobaba, despois dunha tramitación non exenta de polémica, o novo Plan Forestal para Galicia titulado: 1ª Revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Este documento vén de substituír, 29 anos despois da súa aprobación, e tras anos de irrelevancia, ao Plan Forestal de Galicia de 1992, que non cumpriu coas súas previsións nin cos seus obxectivos. Neste artigo analízase o novo Plan Forestal de Galicia, partindo dos seus antecedentes, e o que pode supoñer para o futuro do monte galego.
CERNA Nº 84 - Eólica mariña, unha alternativa?
Páx. 11-13
En marzo de 2017 o Pleno do concello de Teo aprobaba unha moción presentada por SONdeTEO-Anova e o PSdG-PSOE pola que se acordaba solicitar á administración competente a inclusión das especies da familia eucalyptus no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras. Iníciase así un longo proceso administrativo, primeiro, e logo xudicial, que remata coa sentenza do pasado 30 de outubro do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid desestimando o recurso do concello. Neste artigo relátase este proceso, sitúase no contexto que o provoca e analízase a escasa marxe da administración local para defender a biodiversidade. Un empeño do que é mostra a iniciativa HabitaTEO e que tamén presentamos.