Inicio / Números anteriores / CERNA Nº 54 - Viaxe ao...
Páx. 24 - 27
Na actualidade moitas masas de auga están a experimentar unha eutrofización de orixe antrópica polo incremento da poboación e das achegas de nutrientes á auga procedentes dos incendios forestais, da agricultura, das augas residuais urbanas, das industrias, da minería, etc. Isto pode favorecer a proliferación masiva ou "floración" (HABs: "harmful algal blooms" ou simplemente "blooms") dos organismos do fitoplancto. As floracións descríbense como incremento da biomasa do fitoplancto moi por enriba do normal.As floracións de Cianobacterias son as máis estudadas e coñecidas xa que producen un efecto letal sobre os diversos organismos, debido ao aumento na produción de metabolitos tóxicos. Trátase dun problema ambiental con repercusións sobre a saúde humana e animal.
Páx. 29 - 31
Neste artigo descríbense actuacións de mellora da eficiencia enerxética do alumeado en edificios públicos como son dúas DEPENDENCIAS da Universidade da Coruña (UDC). A adecuación dos niveis de iluminación a valores normativos, a consecución de uniformidade e a mellora da eficiencia lumínica foron os obxectivos destas actuacións en dúas aulas especiais e na aula magna da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da UDC.
Páx. 33 - 35
Este artigo fala sobre a arquitectura rural pasada e a presente. Trata de identificar as causas que sustentan a arquitectura rural que hoxe temos en Galiza, e abre unha porta á harmonía co espazo que a rodea. Unha arquitectura capaz de ser respectuosa co medio onde se encontra.
Páx. 37 - 38
O Monte Veciñal en Man Común de Santa Cristina da Ramallosa foi devolto á veciñanza o 22 de outubro de 1994. Está situado na parroquia de Sabarís, no concello de Baiona e pertence á Mancomunidade de Montes do Val Miñor. Forma parte da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común.
Páx. 39
Neste artigo dáse a coñecer o novo mecanismo de funcionamento do GDR ou grupos de desenvolvemento rural (antigo Grupo de Acción Local). O GDR a través do programa europeo LEADER, busca a descentralización das políticas de desenvolvemento rural, e a participación social. Para iso AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) propón unha nova configuración dos GDR con unha menor participación institucional e unha maior presencia de asociacións ligadas ó ámbito rural.
Páx. 41 - 42
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza ADEGA, vén de botar a andar un proxecto de educación e recuperación do patrimonio ambiental co nome de Aldea Verde. A iniciativa pretende crear un Centro de Educación Ambiental e de Patrimonio Cultural, constituíndo un espazo de achegamento ao mundo rural e as súas particularidades, atendendo á súa diversidade, tomando o Alto Ulloa como exemplo de rural e das súas posibilidades de futuro.