Inicio / Números anteriores / CERNA Nº 87 - Espazos...
Páx. 21-23
Unha análise transversal da extensión e intensidade dos problemas de conservación da natureza en Galiza conclúe que un terzo do territorio está degradado, as especies de aves xa ameazadas empeoran a súa situación e as aves comúns (nidificantes ou non) están afectadas de modo crecente. O estudo tamén avalía as ameazas de conservación nas grandes categorías taxonómicas das aves galegas. O 34,7% das ordes e o 25,7% das familias de aves atópanse “seriamente afectados”, en especial polos cambios no seus hábitats. Arguméntase a necesidade de mudar as políticas ambientais de protección do patrimonio natural para paliar estas ameazas e impactos.
Páx. 24-27
A estrada AC-221, a carón do encoro de Abegondo-Cecebre, pasou de ser un punto negro de mortalidade de lontras a converterse nun caso de éxito da convivencia entre as infraestruturas viarias e a xestión e conservación de pequenos mamíferos. Como área recoñecida dentro da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, resultaba primordial manter o equilibrio entre a natureza e a acción humana, polo que entidades de diversa índole, desde grupos naturalistas a administracións locais, se involucraron en dar resposta á problemática dos atropelos de lontras. O resultado foi a construción dun paso de fauna, pioneiro en Galiza.
Páx. 28-29
A maioría dos mapas da litosfera recoñecen sete grandes placas e cinco menores: Cocos, Naza, Caribe, Arábiga e Filipina. Con todo, a presente cartografía (mapa), ademais de dividir en dous a Placa Indoaustraliana, admite outras nove: as de Juan de Fuca (JF), Rivera (RI), Shetland do Sur (SHP), Scotia (SCO), Sandwich do Sur (SSW), Somalia (SOM), Sonda (SUN), Amur (AMR) e Ojotsk (OKH). Este inventario discutible lévanos ao primeiro mapa das placas litosféricas, publicado por Jason Morgan en 1968, no cal recoñecía 14. A medida que as observacións tectónicas e sísmicas se realizaban a unha escala máis detallada, o número de placas aumentou: o máximo alcanzouse en 2016, con 159. Mais, cal é o número real?
Páx. 30-32
No actual contexto de emerxencia climática é prioritario ampliar a protección dos espazos protexidos do planeta que destacan pola súa riqueza natural e a súa biodiversidade. Neste sentido acadan maior relevancia as áreas mariñas protexidas, que conforman máis do 70% da superficie do planeta e albergan nas súas augas un inxente número de especies e ecosistemas que en boa parte seguen sendo descoñecidos para a ciencia e a sociedade.
Páx. 33-36
Non hai estudos relevantes acerca do confort térmico en arquitecturas tradicionais en condicións reais de uso que permitan avaliar se as estratexias pasivas empregadas son axeitadas para poder incorporalas á arquitectura actual. Este traballo pretende achegar unha base de coñecemento, ao analizar un elemento vernáculo da arquitectura como é unha galería, situada na cidade da Coruña.
Páx. 37-38
Entre 80 e 100 persoas formaranse con ADEGA a través do “Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada” que terá lugar en catro vilas galegas como parte da estratexia de fomento do "emprego verde". A formación capacita para o desempeño dun perfil laboral completo e competente na xestión de materia orgánica e desenvolvemento de campañas de divulgación e concienciación sobre compostaxe