Revista CERNA

Buscador

Formulario de busca

O desenvolvemento das renovábeis e a protección da biodiversidade Haberá algún territorio libre de eólicos?

Fins Eirexas

CERNA Nº 87 - Espazos protexidos e conservación de aves

Páx. 7-9

A implantación no territorio das infraestruturas precisas para o funcionamento das enerxías renovábeis provocan unha serie de impactos negativos sobre a biodiversidade. No caso da enerxía eólica téñense demostrado efectos como a erosión do solo e a perda de hábitats, a alteración da dinámica hídrica e a mortalidade por colisión de aves e morcegos, alén do ruído e do impacto visual, entre outros; afeccións das que tampouco están exentos os parques eólicos mariños. Faise pois imprescindíbel para a boa planificación da ubicación de instalacións de xeración de enerxías renovables en Galiza, a elaboración dun mapa de zonas de exclusión que recolla criterios que permitan salvagardar a diversidade natural e manter os servizos ecosistémicos.

ILP para a tramitación dunha Lei de Montes Veciñais: Montes veciñais, terras con futuro

Xosé Alfredo Pereira Martínez

CERNA Nº 87 - Espazos protexidos e conservación de aves

Páx. 10-12

Organismos internacionais como poden ser a Organización das Nacións Unidas (ONU), a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e mesmo a Unión Europea, recomendan que o futuro dos montes pase por unha tenencia máis xusta destes territorios, evitando a súa centralización en poucas mans, pasando tamén por dar protagonismo aos seus titulares nos procesos de posta en valor.

Pasado, presente e futuro dos Montes Veciñais en Man Común de Ponteareas

Damián Copena Rodríguez

CERNA Nº 87 - Espazos protexidos e conservación de aves

Páx. 13-16

Os Montes Veciñais en Man Común son unha figura singular e fundamental da realidade galega que, a partir da acción colectiva, xestiona grandes extensións de monte. Un dos concellos con relevancia no tocante á propiedade comunitaria é o de Ponteareas. Neste municipio realizouse un proxecto de investigación para estudar a traxectoria histórica dos montes en man común e das institucións colectivas que os gobernan. Tamén se abordou a situación presente e se tentou albiscar sobre as dinámicas futuras.

A xestión da Rede Galega de Espazos Protexidos e a conservación das aves ameazadas

Cosme Damián Romay Cousidoe Luis Tapia del Río

CERNA Nº 87 - Espazos protexidos e conservación de aves

Páx. 17-20

Neste artigo realízase unha aproximación á efectividade da Rede Galega de Espazos Protexidos (13% do territorio galego) en relación á conservación das aves consideradas En perigo de extinción e Vulnerables en Galiza polos catálogos galego e español de especies ameazadas. A través dun sistema de puntuación (0 a 10), obtense que só 7 das 45 especies ameazadas chega ao aprobado (mellor nota de 8), suspendendo o resto de especies, 7 delas mesmo cun 0. Estes resultados suxiren que a Rede Galega de Espazos Protexidos e/ou a xestión ambiental que se realiza dela son insuficientes para garantir a conservación das especies ameazadas de Galiza.

Dous enfoques dos problemas de conservación das aves de Galiza e un mesmo diagnóstico

Cosme Damián Romay Cousidoe Luis Tapia del Río

CERNA Nº 87 - Espazos protexidos e conservación de aves

Páx. 21-23

Unha análise transversal da extensión e intensidade dos problemas de conservación da natureza en Galiza conclúe que un terzo do territorio está degradado, as especies de aves xa ameazadas empeoran a súa situación e as aves comúns (nidificantes ou non) están afectadas de modo crecente. O estudo tamén avalía as ameazas de conservación nas grandes categorías taxonómicas das aves galegas. O 34,7% das ordes e o 25,7% das familias de aves atópanse “seriamente afectados”, en especial polos cambios no seus hábitats. Arguméntase a necesidade de mudar as políticas ambientais de protección do patrimonio natural para paliar estas ameazas e impactos.

O paso de lontras do encoro de Cecebre, un exemplo de sinerxías para a conservación da natureza

Redacción Cerna

CERNA Nº 87 - Espazos protexidos e conservación de aves

Páx. 24-27

A estrada AC-221, a carón do encoro de Abegondo-Cecebre, pasou de ser un punto negro de mortalidade de lontras a converterse nun caso de éxito da convivencia entre as infraestruturas viarias e a xestión e conservación de pequenos mamíferos. Como área recoñecida dentro da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, resultaba primordial manter o equilibrio entre a natureza e a acción humana, polo que entidades de diversa índole, desde grupos naturalistas a administracións locais, se involucraron en dar resposta á problemática dos atropelos de lontras. O resultado foi a construción dun paso de fauna, pioneiro en Galiza.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal