ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Lugo de Cara ao Miño pula por recuperar para uso...

27-02-2019

Lugo de Cara ao Miño pula por recuperar para uso público a zona de baño do Club Fluvial

O Club Fluvial vén de solicitar a renovación da súa concesión de obras e de augas no dominio público hidráulico do río Miño ao seu paso por Lugo para os vindeiros 50 anos, logo de que o pasado mes de outubro vencese a súa anterior concesión. O trámite de renovación da concesión para as instalacións deportivas que se atopan na zona de servidume e de policía do río atópase en fase de exposición pública para competencia de peticións. Isto implica que ata o vindeiro 8 de marzo, calquera entidade ou particular pode presentar un proxecto ou anteproxecto para a mesma concesión que a do Club Fluvial ou formular unha petición que sexa incompatible coa da entidade deportiva. Ademais, en poucas semanas, a Confederación Hidrográfica prevé abrir o mesmo período de competencia para a concesión de augas dese treito do río Miño.

Para a plataforma Lugo de Cara ao Miño, da que fai parte ADEGA, estamos ante unha oportunidade única e irrepetible de recuperar este treito do río Miño para uso público e liberar a zona de servidume de obras que hoxe en día son cuestionables desde o punto de vista ambiental e social. Pensamos que no século XXI, e nun contexto global de cambio climático, xa non teñen cabida autorizacións ou concesións en dominio público hidráulico que traten de perpetuar para as vindeiras décadas zonas de baño privadas ou de uso exclusivo para uns poucos e obras que interrompen o acceso ou paso público á zona de servidume.

Lugo xa ten zona de baño fluvial, pero está privatizada

No caso concreto do concello de Lugo, pensamos ademais que desde hai tres anos, tanto o goberno local como os grupos da oposición, están a promover de xeito desenfocado e errático a ocupación e alteración de novos treitos naturais do río Miño para a creación dunha praia fluvial pública, cando poderían estar apostando por fórmulas que permitisen o aproveitamento dos recursos xa existentes e que fosen satisfactorias para o conxunto da cidadanía. Neste senso, é preciso destacar que o treito de río apropiado cando menos nos últimos 60 anos polo Club Fluvial é o único do Miño ao seu paso por Lugo que está recoñecido como zona de baño e que, por tanto, o único que conta coas mínimas análises e garantías de seguridade e de sanidade ás que obriga a lexislación vixente. Ningunha das outras alternativas ata agora expostas polo Concello e polos grupos da oposición contan con este obrigado recoñecemento, presentando, pola contra, serias dúbidas de viabilidade, ben polo seu impacto ambiental e paisaxístico, ben pola falta de profundidade do río ou ben polas poucas garantías de seguridade das instalacións.

Lembremos que o informe ambiental emitido o pasado 18 de xaneiro polo Servizo de Conservación da Natureza, da Xunta de Galicia, ao respecto das piscinas que o Concello pretende colocar no parque do Miño advirte que as instalacións ocuparían o 40% do ancho do río, en zona de correntes de auga, o que poría en risco a estabilidade dos módulos das piscinas no caso de enchentes repentinas. O informe da Xunta engade que tampouco se avalía adecuadamente o impacto paisaxístico da infraestrutura, o número de usuarios/as, as medidas de protección da calidade das augas, a xestión dos residuos e a biodiversidade real presente no medio, deixando nas mans do organismo de bacía a resolución da autorización do proxecto.

A plataforma Lugo de Cara ao Miño insta ao Concello de Lugo a presentar diante da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e dentro de prazo (ata o vindeiro 8 de marzo) a correspondente instancia de petición de concesión para o uso dese treito do río Miño como zona pública de baño. Neste mesmo trámite, o Concello tamén poderá solicitar a declaración de utilidade pública do proxecto e a imposición das servidumes que se consideren necesarias para poder converter ese treito fluvial en zona pública de baño.

Liberar o paso de servidume e avaliar o impacto ambiental

Ao mesmo tempo, demandamos á Confederación Hidrográfica Miño-Sil que paralice a tramitación da renovación das concesións de obra e de augas solicitadas recentemente polo Club Fluvial mentres a entidade deportiva non cumpra coa obriga legal de deixar libre e accesible a zona de servidume do río Miño e non retire os valados e portas que impiden o tránsito desde o río á terra de persoas e animais. Segundo confirma a propia Confederación Hidrográfica, o Club Fluvial de Lugo leva anos incumprindo esta condición á que se vinculan todas as concesións que lle foron outorgadas, e polo que o organismo de bacía xa lle leva imposto varias multas coercitivas. Na actualidade, o paso de servidume dese treito de río tamén se atopa interrompido na outra marxe do río, onde permanecen colocadas as vallas metálicas das obras da fábrica da luz e que Lugo de Cara ao Miño ten requirido en varias ocasións a súa retirada.

Por outra banda, os procedementos de renovación das concesións solicitada polo Club Fluvial para os vindeiros anos terían que someterse en todo caso á avaliación de impacto ambiental ao afectar a un espazo natural protexido como Zona de Especial Conservación (ZEC) Parga-Ladra-Támoga, zona de Rede Natura 2000 e zona núcleo da Reserva da Biosfera.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal