ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Hoxe pecha a central de carbón de Meirama, tras...

30-06-2020

Hoxe pecha a central de carbón de Meirama, tras 40 anos contaminando a nosa terra

Desde a súa conexión á rede eléctrica en 1980, a central emitiu decenas de millóns de toneladas de dióxido de carbono, o principal gas de efecto invernadoiro.


A central de carbón de Meirama, propiedade de Naturgy (antes Gas Natural Fenosa), deixará de operar hoxe, día 30 de xuño de 2020. A plataforma "Galiza, un futuro sen carbón", da que fai parte ADEGA, celébrao como un importante logro na loita contra a emerxencia climática global. Xunto coa de Meirama, pecharán outras sete centrais de carbón españolas, no que supón un punto de inflexión de cara ao abandono da produción eléctrica con carbón no Estado español. O carbón é o combustible fósil que máis contribúe ao cambio climático.

Adeus a unha das industrias máis contaminantes de Galiza

Central de carbón de Meirama

Desde a súa conexión á rede eléctrica en 1980, a central de Meirama emitiu decenas de millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2), o principal gas de efecto invernadoiro (GEI), boa parte das cais ficarán na atmósfera durante varias décadas máis, continuando a xerar crise climática. Nos seus últimos dez anos de vida (2010-2019), as emisións de CO2  desta central adoitaron representar un 8% das emisións totais de GEI de Galicia (1). Ata 2018, foi a segunda instalación industrial galega con maiores emisións de CO2, só por detrás da máis potente central de carbón das Pontes (2).

O peche da central de Meirama diminuirá ás emisións galegas de CO2, en maior medida canto máis se substitúa a súa achega enerxética pola diminución do consumo e polas enerxías renovables, e non por unha maior actividade de centrais de ciclo combinado a gas natural como a que Naturgy posúe en Sabón (Arteixo). 

Ademais de CO2 causante de cambio climático, a central de Meirama tamén emitiu á atmosfera grandes cantidades de contaminantes tóxicos prexudiciais para a saúde humana e dos ecosistemas. Aínda que sucesivas reformas forzadas por mudanzas lexislativas conseguiron reducións significativas destas emisións, non deixou de ser nunca un dos principais focos galegos de contaminación atmosférica, cuxos efectos se deixaron sentir tamén moito máis alá da contorna da central. Segundo o informe Last Gasp: The coal companies making Europe sick, a polución desta térmica causou 55 mortes prematuras e uns custos sanitarios por ingresos hospitalarios e perda de días de traballo asalariado de até 165 millóns de euros só durante 2016 (3). 

Un peche desvinculado da vontade política da Xunta e do Estado español

Antiga mina de carbón de Meirama

A decisión de Naturgy, divulgada en xaneiro de 2019, de non investir nunha nova reforma da central para diminuír a súa contaminación tóxica e poder así cumprir coa Directiva de Emisións Industriais (DEI), que se lle aplicaría a partir do 1 de xullo, é a causa inmediata do peche. Este é resultado dunha decisión empresarial moi condicionada por medidas políticas de ámbito europeo como a DEI ou o encarecemento do prezo do CO2 no mercado de emisións, que contribúen a facer cada vez menos competitivas as centrais de carbón en toda a UE. Por suposto, o peche non é consecuencia nin da acción dun Goberno estatal que non quixo impor un calendario de peche das centrais de carbón españolas, nin dunha Xunta que sempre defendeu sen fisuras a súa continuidade indefinida, como se o a emerxencia climática non existise. 

A irresponsable tardanza de Naturgy en adoptar unha decisión definitiva sobre o futuro da central de Meirama, así como o negacionismo institucional da urxente necesidade e da inevitabillidade  do seu peche, fixeron que a central de Meirama cese a súa actividade no medio de grandes incertidumes e temores sobre os efectos socioeconómicos que iso implicará na súa área de influencia. 

Non foi ata o 17 de abril pasado que Goberno estatal, empresas eléctricas e sindicatos subscribiron un "Acordo por unha transición enerxética xusta para centrais térmicas en peche", que se concretará en Convenios de Transición Xusta para cada central. E tan só recentemente comezou o trámite de participación pública do Convenio de Transición Xusta para a central de Meirama, que deberá garantir protección social e alternativas de emprego sustentables. Os traballadores e traballadoras afectados polo peche son 112: 77 persoal propio e 35 de contratas (4).

Tras de Meirama, As Pontes!

O peche de central térmica de Meirama, con 580 MW (megavatios) de potencia, suporá unha diminución dun 30% na capacidade galega de produción eléctrica con carbón. A restante corresponde aos 1400 MW da central de carbón das Pontes, propiedade de ENDESA. Alentada pola Xunta e polo Goberno estatal, ENDESA efectuará novas probas de co-combustión de carbón e residuos orgánicos nesta central a partir da segunda quincena de xullo. A plataforma "Galiza, un futuro sen carbón" rexeita a co-combustión de carbón xunto con outros combustibles como unha falsa alternativa "ecolóxica" para a continuidade dunha central que debería pechar en 2021, tal e como solicitou en principio ENDESA en decembro do ano pasado.

Notas

1. En 6 dos 10 anos do período a achega das emisións da central de Meirama sobre o total das emisións galegas de GEI (e non só as das industrias) oscilou entre o 7,5 e o 8,1%, ao emitir entre 2,2 e 2,6 millóns de toneladas/ano. En 2015 mesmo atinxiu o 10,2%. Só en 3 anos, incluído 2019, estiveron por debaixo do 3,5%.

2.En 2019, e malia a forte caída na súa produción, aínda foi a 6ª industria galega con maiores emisións causantes de cambio climático. Máis información en: https://unfuturosencarbon.org/as-emisions-de-co2-das-centrais-de-carbon-galegas-diminuiron-o-752-en-2019/

3. Last Gasp: The coal companies making Europe sick é un informe elaborado e impulsado por Europe Beyond Coal, Sandbag, Greenpeace e o European Environmental Bureau. Pódese descargar en: https://beyond-coal.eu/last-gasp/. A metodoloxía de impacto na saúde utilizada neste informe baséase nas recomendacións do proxecto "Riscos de saúde da contaminación do aire en Europa" (HRAPIE) da Organización Mundial da Saúde en Europa sobre avaliacións de impacto na saúde da contaminación do aire. 

4. Segundo a información recollida no "Acordo por unha transición enerxética xusta para centrais térmicas en peche".

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal