ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A explotación mineira rexeitada polo franquismo...

19-07-2017

A explotación mineira rexeitada polo franquismo en Mesía podería ser autorizada pola Xunta

A intención de ERIMSA, empresa norueguesa de capital chinés, de explotar o seixo en Xanceda (Mesía) é incompatíbel co actual aproveitamento agrogandeiro, con moitas explotacións en ecolóxico, nunha comarca sobranceira para o agro galego.

A empresa pretende a concesión da explotación derivada do permiso de investigación "Xanceda 7138" de 761 hectáreas en Mesía, parte dunha iniciativa máis ampla que abranque outras 6000 hectáreas nos concellos de Frades, Ordes e Oroso. O macro-proxecto, convintemente fragmentado en partes menores, pretende beneficiar o seixo metalúrxico presente en forma de croios uns metros no subsolo baixo as fincas. A súa extracción comportaría importantes modificacións no perfil do solo e no nível freático así como unha alteración da súa permeabilidade, afectando gravemente á fertilidade e á produtividade biolóxica.

A totalidade das parcelas agrícolas afectadas teñen a consideración de chan rústico de especial protección agropecuaria, e foron declaradas Zonas de especial interese agrario (Decreto 206/2007) pola Xunta. Moitas delas ademais están en ecolóxico (110 hectáreas). E o CRAEGA (Consello regulador da agricultura ecolóxica de Galiza) deixou moi claro que o aproveitamento mineiro é incompatíbel cos estándares ecolóxicos, polo que as parcelas certificadas perderían o selo e deberían solicitalo de novo logo de rematados os labores. Aínda así, terían que agardar dous anos para que os terreos puideran "reconvertirse" en ecolóxicos.
Nalgunhas parcelas xa explotadas pola empresa no mesmo concello de Mesía (lugar de Lanza), 15 anos despois de pasar ERIMSA aínda están sen restaurar. E noutras oficialmente "restauradas" a produtividade agrícola descendeu notablemente, ficando practicamente improdutivas durante anos.

Proxectos similares rexeitados durante o franquismo

Dase a circunstancia de que proxectos mineiros proxectados na mesma área (Mesía, Ordes e Cesuras) foran xa rexeitados durante o franquismo (1974). Trátase de "acciones incompatibles, las del aprovechamiento del subsuelo, y las del cultivo y explotación agrícola y ganadera". As explotacións mineiras convirten labradíos e prados en "eriales, transformando una zona ideal para la explotación agrícola y ganadera en una zona desértica sin posibilidad alguna de recuperación".

Máis recentemente, en xaneiro deste ano Erimsa viu tamén rexeitada unha explotación de seixo na Terra Cha (Cospeito) polo TSXG ao considerar o tribunal "unha relevante afectación á estrutura agrolóxica do terreo, a maioritaria, que incorpora un solo de alta produtividade agrícola ou gandeira, característico do solo rústico de protección especial agropecuaria".

E non son os únicos proxectos que os tribunais tombaron a Erimsa: en 2013, O Tribunal do Contencioso-Administrativo nº1 de Lugo desestimou unha demanda da empresa que reclamaba a licenza urbanística para unha canteira en solo protexido na Pastoriza, considerando os informes periciais achegados por ADEGA. Outras demandas similares formuladas por ERIMSA reclamando licenzas de obra para outras explotación mineiras nos concellos de Castro de Rei e Cospeito foron tamén desestimadas por sentenzas xudiciais.

En total son xa 6 fallos xudiciaicontra ERIMSA nos últimos 10 anos por pretender abrir canteiras en terreos con diversa protección.

A postura do concello de Mesía: a favor e en contra ao mesmo tempo

Se ben a Xunta ten nas súas mans e por partida dupla autorizar ou non explotación, xa que aliás de Industria e ao tratarse de solo rústico de especial protección, Medio Rural debería informar favorabelmente, o concello de Mesía ten, como vimos nos casos da Cospeito, Castro de Rei e A Pastoriza, un papel determinante.
Non só a Lei 3/2008 da Minaría de Galiza confire ao concello a posibilidade de informar preceitivamente sobre a procedencia ou non dun dereito mineiro no seu territorio, senón que pode facelo en calquera momento mesmo fóra do prazo legal, sempre que Industria non resolvera. Ademais, se o informe municipal fora negativo, a decisión final sobre o proxecto correspondería ao Consello da Xunta e non a Industria.

Pois ben, que fixo o concello de Mesía? Pois informou favorabelmente (febreiro de 2017) ao proxecto mineiro dentro do prazo legal, através dun informe técnico de 2 parágrafos asinado polo arquitecto municipal.
Ao comprobar que o concello dera o visto bo á mina, a veciñanza, sindicatos agrarios e os colectivos ecoloxistas solicitamos dito informe ao concello. O concello de Mesía achegou un rocambolesco escrito no que, xunto co informe técnico do arquirtecto (favorábel) figuraba tamén un escrito do alcalde que daba conta da "postura política" do equipo de goberno, contraria ao outorgamento da autorización!!

Dende ADEGA pedimos ao concello de Mesía que exerza as súas competencias e rexeite sen ambigüidades un proxecto que incumpre as determinacións do PXOM e ataca ao cerne do xeito de vida de moita da súa veciñanza. E polo que atinxe á Xunta, nin medio Rural nin Industria poden ser cómplices doutro episodio de "colle o seixo e fuxe" que pretende a depredadora ERIMSA. Só faltaría que remataran autorizando este impactante proxecto, contra toda lóxica, normativa e bo goberno, e fixeran boas as resolucións franquistas que no seu momento rexeitárono.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal