ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA traslada á Valedora do Pobo o clamor social...

09-06-2021

ADEGA traslada á Valedora do Pobo o clamor social contra a desfeita eólica e as leis que a promoven

Esta segunda feira, ADEGA mantivo unha xornada de traballo coa Valedora do Pobo para reclamarlle amparo fronte á enxurrada de parques eólicos e en defensa do dereito da cidadanía ao medio ambiente e á información e participación pública. En nome dos colectivos e plataformas convocantes da recente mobilización en Compostela contra a desfeita eólica, ADEGA fíxolle entrega dun dosier no que se constata a situación de indefensión na que se atopa a veciñanza afectada e o medio ambiente, debido a unha planificación caduca e irracional.

Demandámoslle que por medio desta institución inste á Xunta de Galiza a paralisar a tramitación de máis parques eólicos mentres non se someta o Plano Sectorial Eólico á unha axeitada Avaliación Ambiental Estratéxica. Asemade, e polo que atinxe a normas como a Lei 5/2007 e a Lei 9/2021, solicitamos da Valedora que interveña para garantir a axeitada salvagarda dos dereitos de información e participación pública da cidadanía na tramitación dos proxectos eólicos.

Unha planificación eólica irracional e depredadora do ambiente

Arestora estanse a tramitar máis de 130 parques eólicos en Galiza que engadirán outros 10.000 MW a un territorio que xa exporta un terzo da electricidade que produce.

As transformacións e afeccións que estas instalacións están a provocar no territorio (paisaxe, auga, biodiversidade, etc.) e sobre os seus habitantes (ruído, interferenzas, expropiacións e servidumes, etc.) non teñen sido suficientemente avaliadas. Normas como a propia Lei Eólica de 2009, e as leis de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais de 2017 e a recente Lei de Simplificación Administrativa de 2021, facilitan cada vez máis ás empresas o desenvolvemento dos seus proxectos, en detrimento da participación pública e dos dereitos e intereses das comunidades afectadas.

Tanto en Galiza como no Estado a planificación eólica é caduca e foi orientada exclusivamente por criterios empresariais. No caso galego, o Plano Sectorial Eólico aprobado en 1997 e reformado en 2002, está tan desfasado que nen sequera considera a Rede Natura 2000, carece de zonas de exclusión e non pasou unha avaliación ambiental estratéxica. Polo que atinxe ao Estado, tampouco existe unha planificación para o desenvolvemento equilibrado e xusto das enerxías renovábeis que, máis aló de fomentar a produción, atenda ás características e necesidades do territorio e integre criterios de sustentabilidade e eficiencia.

Unhas leis que recurtan o dereito de participación da cidadanía en beneficio das eléctricas

O desenvolvemento eólico pasado e presente tampouco garantíu o dereito ao acceso e á participación pública da sociedade galega. O vixente Plano Sectorial Eólico non foi sometido ao procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica consonte á Lei 21/2013, vulnerando portanto a obriga de someter a determinados planos e programas a este trámite como establecen as Directivas 2011/92/UE do Parlamento Europeo e do Consello, de 13 de decembro de 2011, relativa a avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente. (DOUE L 26 /1 de 28.01.2012); Directiva 2003/35/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 26 de maio de 2003, pola que se establecen medidas para a participación do público na elaboración de determinados plans e programas relacionados co medio ambiente e pola que se modifican, no que se refire a participación do público ó acceso a xustiza, as Directivas 85/337/CE e 96/61/CE do Consello.

Xa que logo, non existiu participación pública na avaliación deste Plano sectorial Eólico, limitándose esta aos prazos de exposición pública dos proxectos eólicos por separado. A este respeito, normas como a Lei 5/2017 de Fomento de implantación de iniciativas empresariais, alcumada “lei de depredación”, a recente Lei 9/2021 de Simplificación administrativa dificultan aínda máis o dereito á información e á participación pública da cidadanía na tramitación dos proxectos eólicos ao colapsar determinados trámites e reducir prazos de exposición, mesmo eximíndoos destes, alén de considerarse prevalente o interese público desas instalacións sobre calquera outro interese público que aleguen os afectados.

Iniciativas da Valedora sobre a desfeita eólica

Como resultado da xuntanza, na que estivo presente o presidente de ADEGA, Roi Cuba, a Valedora do Pobo confirmounos que xa ten aberta unha investigación de oficio á raíz de denuncias da veciñanza polos abusos das eólicas (distancias ás casas, perdas agrogandeiras, expropiacións...). A equipa da Valedora acolleu con interese e preocupación as demandas de ADEGA e confirmou a admisión a trámite da nosa  queixa e a súa vontade de analizar a situación actual, por se esta impide facer efectivos os dereitos á protección do medio ambiente, participación cidadá e información pública.

Dende ADEGA agradecemos a implicación da Valedora do Pobo nesta causa, un conflito ambiental e social que fixeron patente milleiros de persoas na manifestación do pasado día 5 de xuño contra a invasión eólica.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal