ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Galiza manifestarase o vindeiro 5 de xuño, Día do...

27-05-2021

Galiza manifestarase o vindeiro 5 de xuño, Día do Medio Ambiente, contra a invasión eólica

O manifesto Eólica, Así Non, reclama a paralización inmediata dos proxectos eólicos en tramitación e un novo modelo eólico


Uns 50 colectivos e plataformas ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais, sindicais de toda Galiza, entre organizacións convocantes e adheridas, fan un chamado a toda a sociedade galega para que participe na Gran Marcha contra a invasión eólica de Galiza que terá lugar o vindeiro sábado 5 de xuño en Santiago de Compostela, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. As entidades convocantes expuxeron hoxe en rolda de prensa que o principal obxectivo desta gran marcha será “expresar o amplo e contundente rexeitamento do pobo galego a un modelo de desenvolvemento eólico imposto e colonial que converte a Galiza, unha vez máis, nun territorio de sacrificio para favorecer as ansias especulativas e de negocio do oligopolio enerxético, coa conivencia da Xunta e do Estado, indicou Roi Cuba de ADEGA.

Participou tamén na rolda Jessica Rey, da Rede Galega por un Rural Vivo, dando voz aos colectivos de afectados/as, quen alertou de que o actual modelo eólico está a ser un motor de despoboamento do rural. Advertiu de que a produción galega con enerxías renovábeis (eólica e hidroeléctrica) xa supera o consumo actual, exportando arredor do 30% da electricidade que xenera, contando co 14% da potencia eólica instalada no Estado e a maior densidade de aeroxeradores por km2 de Europa. “Un desenvolvemento eólico que nunca tivo en conta a opinión da veciñanza nin do rural”, afirmou Jessica.

Manuel Da Cal da FRUGA lembrou que “o modelo colonial que se está a seguir agora coa implantación eólica xa o sufriu Galiza coas celulosas, as centrais hidroeléctricas e a minaría, polo cal os beneficios non fincan nos propietarios das terras, senón nas mans das grandes multinacionais”. Pola súa banda, Paulo Carril da CIG engadiu que estas empresas están aproveitando como escusa a transición ecolóxica para facer o seu particular “lavado verde” sen ter antes compensado os danos ambientais que exerceron sobre o territorio, e que este “non é verdade que as renovábeis, tal e como se están concibindo, vaian xerar milleiros de postos de traballo”.

Tamén falou dos impactos da enerxía eólica o voceiro da Rede do Patrimonio, Santi Llecha, quen advirte da falta dunha avaliación rigorosa da afección destes macroproxectos sobre o patrimonio material e inmaterial que se conserva nas  perimetrais dos parques eólicos”.

Nos actuais parámetros, aseguran estes colectivos que Galiza non precisa da nova vaga de megaproxectos eólicos cos que as multinacionais da enerxía pretenden inzar o país. Así pois, na manifestación do vindeiro 5 de xuño reclamarán a paralización inmediata de todos os proxectos eólicos que están en tramitación na Xunta e no Estado e que afectan ao territorio galego.

Alén da moratoria a novas instalacións, demandan a derrogación do caduco Plan Sectorial Eólico de Galiza e das “Leis de Depredación”, -en referencia á Lei galega de fomento da implantación de iniciativas empresariais de 2017 e á Lei de simplificación adminsitrativa recentemente aprobada-, por constituír un auténtico atropelo contra os dereitos das persoas á participación pública e contra a preservación do medio natural, do patrimonio e da paisaxe.

Eólica, Así Non: manifesto por un modelo eólico racional, sostíbel e xusto

Paralelamente, no marco do actual proceso de transición ecolóxica de cara a unha economía e un sistema descarbonizados para poder afrontar a mudanza climática, os colectivos promotores do manifesto “Eólica, Así Non”, confirman que apoian as enerxías renovábeis, incluída a eólica, mais non á costa da destrución do territorio. Reclaman o desenvolvemento dun novo modelo enerxético e de implantación da enerxía eólica en Galiza que sexa descentralizado, baseado na soberanía enerxética, no fomento do aforro, da eficiencia enerxética e do autoconsumo, e na xestión pública do recurso ao servizo da sociedade galega.

Segundo declaran os colectivos promotores da marcha, o xeito en que o actual goberno da Xunta de Galiza concibe e permite a implantación eólica no país está fundamentado na desregulamentación legal, no abuso das empresas enerxéticas ás poboacións afectadas, na destrución do patrimonio público e colectivo, tanto ambiental, cultural como paisaxístico, e en intereses de carácter privado e especulativo.

As máis de 20 entidades convocantes da gran marcha contra a invasión eólica expoñen neste manifesto as dez premisas fundamentais que se han de seguir no deseño dun novo marco normativo para o desenvolvemento eólico de Galiza. Entre estas destacan: a moratoria urxente dos novos proxectos e a derrogación do plan sectorial eólico, a protección dos servizos ecosistémicos chaves para afrontar a loita climática, a soberanía enerxética, a ampliación da Rede Natura 2000, o estrito cumprimento da normativa ambiental, o fomento do autoconsumo, un trato xusto para as comunidades afectadas e para o rural ou a participación pública efectiva.

O manifesto “Eólica, Así Non” permanecerá aberto ata o Día Mundial do Medio Ambiente a novas adhesións de colectivos, entidades ou plataformas que apoien as súas reclamas e o obxecto da manifestación do día 5 de xuño en Santiago de Compostela. As entidades e colectivos que se queiran sumar, poderán achegar o seu apoio a través do seguinte formulario: https://forms.gle/tT96JwRjJkZh5dKG6

Ligazón ao manifesto EÓLICA, ASÍ NON: https://bit.ly/2SvKTU6

O 5 de xuño, vémonos en Compostela!

As organizacións convocantes prevén unha asistencia masiva a esta manifestación que partirá da Alameda de Santiago ás 12 do mediodía do sábado 5 de xuño. A marcha transcorreará polas rúas compostelás ata chegar á Praza do Obradoiro na que se lerá o manifesto e se gardará un minuto de silencio simbólico por todos aqueles territorios do país que xa foron destruídos ou se están vendo ameazados pola ocupación eólica.

A marcha contará co pertinente servizo de orde para garantir o cumprimento de todas as medidas de seguridade obrigadas diante da actual situación de pandemia. As persoas que queiran participar nesta gran marcha deberán gardar a mínima distancia de seguridade e levar posta sempre a máscara.

Entidades convocantes

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza - ADEGA, Amigos da Terra, Confederación Intersindical Galega - CIG, Federación Ecoloxista Galega - FEG, Federación Rural Galega - FRUGA, Verdegaia, Rede do Patrimonio Cultural, Rede Galega por un Rural Vivo, Aldeas Libres de Macroeólicos-Non ao Macroparque Ordes-Curtis, Amigas das Árbores de Ourense, Asemblea do Suído, Asociación de Veciños O Outeiro de Sanamede de Monte - Afectados Troitomil de A Baña, Asociación Roxín Roxal , Asociación O Sorriso de Daniel, Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán "Agra", Calo rural, Colectivo A Rula, Plataforma pola protección da serra do Galiñeiro, Plataforma pola Recuperación do Sar, Quijote de Outes, Rede do Rural, Salvemos A comarca de Ordes, Sos Encrobas.

Entidades que apoian a marcha

Sociedade Galega de Historia Natural - SGHN, Sindicato Labrego Galego - SLG, Alarma na Terra de Montes , Asoc. Amigos do Patrimonio de Castroverde, Asociación A volta Grande do Courel, Associaçom Cultural O Quilombo, Asociacion para a Custodia do Bosque Atlantico Betula, Asociación pola Defensa da Ría – APDR, Colectivo Ecoloxista do Salnés - CES, Club de Montañismo Montañas de Trevinca, Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, Co-mando Ghichas, Contramínate, Eiquí Eólicos Non, Galicia Ambiental, Instituto de Estudos Miñoráns - IEM, Patrimonio dos Ancares, Plataforma Defensa do Sur da Dorsal Galega, Pataforma non eólicos Bustelo, Campelo Monte Toural, Plataforma de veciñ@s afectad@s Eólicos Vila de Cruces, Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza O Bierzo, Rente ao Couce, Sos Groba, Salvemos o Támega, SOS Suído Seixo. Mina Alberta Non, Stop Eólicos Negueira.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal