ADEGA Cadernos

Inicio / Números anteriores / Caderno nº 19 - Incendios...

Agosto 2007

Caderno nº 19 - Incendios forestais. Causas e solucións

Artigos do Caderno nº 19

Presentación e resumo

Belén Rodríguez

Páx. 5 – 8

Esta publicación recolle algúns dos relatorios presentados por diferentes expertos nas "Xornadas de Debate sobre os incendios Forestais en Galiza" organizadas pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) os días 20 e 21 de outubro de 2006 en Santiago de Compostela. Nas xornadas participaron recoñecidos investigadores das universidades galegas, ecoloxistas, asociacións de propietarios, expertos en rexeneración ambiental, sociólogos, sindicatos agrarios e políticos.Así, o presente resumo non se limita ás achegas presentes neste número. No acto de inauguración, Suso de Toro definiu o encontro como " A mobilización integral e moral das mellores enerxías do país" e referiuse á importancia da relación que mantivemos os galegos e as galegas co monte nas diferentes épocas da historia, nas que “nunca deixamos de identificarnos coa terra, a pesares das nosas contradicións; por iso, cando falamos de monte queimado, tamén falamos das queimaduras do noso corpo”

Valores e funcións ecolóxicas do monte

Adolfo Cordero Rivera

Páx. 9 – 16

Por que temos que preocuparnos pola perda de biodiversidade? Esta pregunta ten múltiples respostas. Podemos pensar na utilidade directa da biodiversidade para a humanidade. Dende este punto de vista valoramos os organismo en relación ao seu prezo nos mercados. Se desaparecesen os percebes, considerados un manxar por moitos, perderíamos máis que se se extinguisen todas as especies de anfípodos das praias (as “pulgas”), que aínda que son do mesmo grupo zoolóxico (crustáceos) non son considerados comestíbeis, e polo tanto non se venden nos mercados. Esta resposta podería ser suficiente para moita xente. Pero é unha resposta que se xustifica pola ignorancia do funcionamento dos ecosistemas. O monte é un ecosistema complexo, que de maneira indirecta proporciona moitos beneficios funcionais, e serve ademais para actividades humanas culturais-recreativas, científicas, e mesmo espirituais.O feito de considerar o monte como un ecosistema, e as consecuencias que disto se derivan, como a función dos diferentes organismos, os retardos temporais nas relacións causa-efecto, e a complexidade das redes tróficas, implican necesariamente que a valoración das funcións do monte debe facerse dende puntos de vista non utilitarios.

Efectos dos incendios forestais sobre solos, augas, fauna e flora

Francisco Díaz-Fierros Viqueira

Páx. 17 – 26

As afeccións dos incendios forestais sobre o medio pódense clasificar tendo en conta, en primeiro lugar, os elementos que se poden ver implicados nelas: aire, auga, flora e fauna e solo. Pero tamén se pode considerar, complementariamente a duración do seu efecto: afeccións curtas, se estas son inferiores ao ano, como poden ser os efectos erosivos sobre o solo, e longas, se teñen carácter plurianual, como son os efectos sobre a evolución das comunidades vexetais. E, así mesmo, pódense clasificar en relación ao espazo xeográfico que se ve afectado, en locais, zonais e rexionais (Díaz-Fierros, 1997)En segundo lugar, en cada un deste tipo de afeccións teranse en conta os elementos sobre os que teñen lugar. Así as afeccións que se producen no sitio son fundamentalmente as que afectan ao solo, á vexetación e á fauna, mentres que as afeccións alén do sitio son aquelas que inciden no aire e nas augas.

Lumes, paisaxe e política forestal na Galiza

Pablo Ramil Rego

Páx. 27 – 30

Os lumes naturais existían en Galiza antes da chegada do Homo sapiens, ata o día de hoxe.Durante o século XIX, sobre todo a partir da segunda metade, a administración estatal impuxo unhas políticas de reforestación con elemento exóticos tales como piñeiros e eucaliptos por todo o territorio, sen ter en conta as súas consecuencias ambientais. Ao longo do século XX O Plan Xeral de Repoboación afianzou o uso destas especias. En Galiza, repoboáronse ao redor da metade dos montes comunais con piñeiros e eucaliptos, substituíndo matogueiras, brañas e bosques por estas especies sen facer un estudio da súa pertinencia a longo prazo.Esta política forestal chocaba cos intereses dos propietarios dos montes, que en numerosas ocasións se viron desposuídos das súas propiedades e abocados á ruína.A plantación indiscriminada de piñeiros e eucaliptos ten ata o día de hoxe efectos negativos, como a expansión incontrolada destas especies incluso en espazos naturais nos que non foran plantados e sobre todo o seu papel nos incendios forestais.Actualmente, xa no século XXI, seguimos a mesma política forestal que durante os s. XIX e XX pero a eucaliptos e piñeiros súmaselles o ladrillo e o asfalto.A vaga de incendios do 2006 demostra que fai falta unha renovación da política forestal e unha ordenación e planificación do territorio e dotala dunha dimensión social e ambiental.Neste artigo, Pablo Ramil analiza con detalle estes acontecementos.

As causas estruturais dos incendios

Xesús Pereiras

Páx. 31- 34

Neste artigo, Xesús Pereiras analiza as causas estruturais dos incendios, é dicir, ten en conta as motivos de fondo que favorecen a aparición do fogo, pero tamén aquelas razóns que fan que unha vez aparecido, se estendan máis rapidamente. Para facelo, céntrase nas causas estruturais máis importantes, que son as que teñen que ver co medio físico e as de carácter socioeconómico e político

Modernización e lumes: O cambio nos usos do monte

Fermín Bouza

Páx. 35 – 38

Moi brevemente, o autor expón unha opinión sobre os lumes en Galiza dende a perspectiva do cambio social e das súas consecuencias buscadas e non buscadas. Para Bouza o xeito de abordar os lumes non pode ser pragmático en exclusiva, e é que mellorar as tecnoloxías de control deses lumes non nos vai librar da súa existencia se non integramos esas melloras nunha reflexión sobre os procesos socioeconómicos en curso e os que nos agardan.

ADEGA Cadernos
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:adega@adega.gal