ADEGA

Inicio / Axenda / Almanaque / Campaña para a restauración da Eira...

Do 19-10-2021 ao 31-10-2021

Campaña para a restauración da Eira da Xoana

ADEGA e a Fundación Eira lanzan unha campaña para recadar fondos destinados a reparar o tellado da casa da Eira da Xoana, o equipamento de divulgación e formación ambiental e de promoción cultural situado na parroquia de Ramil, Agolada.

Malia que se foron facendo arranxos puntuais das pingueiras nos últimos anos, os defectos do tellado agraváronse nos últimos meses sendo apremiante a necesidade de arranxar o problema de raíz, tendo que proceder ao levantamento integral das tellas, e tras as reparacións pertinentes, volver retellar. A chegada das primeiras chuvias de outono imprimen unha certa urxencia ás obras para as cales haberá que contar con profesionais especializados.

Os traballos serán esenciais para poder manter en boas condicións de conservación e de uso o equipamento da Eira da Xoana. O custo da reparación ascende a 6.000 euros, unha cantidade á que a Fundación Eira non pode facer fronte sen contar con achegas externas ou doazóns daquelas persoas que teñen vontade de apoiar o proxecto. A permanencia da actividade da Eira da Xoana vese totalmente condicionada pola actual situación.

COMO FACER A TÚA ACHEGA?

Para realizar a túa doazón deberás cubrir o formulario de doazóns indicando os teus datos persoais e o importe que queres achegar, á vontade. Se o prefires, podes contactar por teléfono: 659 683 384 ou 616 627 318. Lembra que, ao tratarse dunha doazón a unha entidade de interese galego, a túa doazón verase bonificada por Facenda, podendo recuperar na túa declaración da renda até o 80% do importe achegado (un 30%, no caso de empresas). Por iso é moi importante que cubras os teus datos correctamente. Actualizaremos periodicamente na páxina web da Fundación Eira a listaxe de achegas coa identidade das persoas ou entidades doantes se así o especifican no formulario de doazón.


A data límite para facer a túa achega será o 31 de outubro de 2021. Contamos contigo? Obrigados/as por adiantado pola túa axuda! Con ela, temos por certo que poderemos celebrar o remate da obra no vindeiro solsticio, ao que estás expresamente convidado/a. Unha aperta agradecida!

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal