ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Campaña #TiPodesParalos: fai a túa...

Do 24-05-2023 ao 24-12-2023

Campaña #TiPodesParalos: fai a túa achega para paralizar a vaga eólica!

Dende ADEGA, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, temos algo importante que contarche: #TiPodesParalos. Lanzamos a maior campaña de recadación solidaria da nosa historia co obxectivo de paralizar varias decenas de proxectos eólicos que tramita a Xunta de Galiza e o Goberno español sobre espazos moi valiosos a nivel medioambiental, patrimonial, cultural e social.

Estamos nun momento determinante. Temos diante de nós unha oportunidade única de protexer Galiza dunha avalancha de 75 proxectos eólicos autorizados pola Xunta o pasado mes de abril, dos cales ADEGA intentará recorrer ante a Xustiza aqueles de maior impacto sobre o territorio. Para iso, precisamos que achegues o teu gran de area a esta nova campaña. A anulación do parque eólico Serra do Oribio no Tribunal Supremo e a paralización cautelar dos parques eólicos Campelo, Bustelo e Monte Toural por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, logo dunha primeira e exitosa campaña solidaria en 2022, demóstrannos que, desta vez, tamén podemos conseguilo.

Que vou atopar na web da campaña de recadación #TiPodesParalos?
Na web vas atopar un fondo de recadación común e tamén campañas de recadación específicas -desafíos- para cada proxecto eólico que ADEGA pretende recorrer no Tribunal Superior de Xustiza. Neste espazo estará toda a información que precises sobre o funcionamento da campaña, porque a transparencia é primordial para nós. Por iso mesmo, faremos as recadacións de xeito progresivo, fixadas en diferentes retos correspondentes coas distintas fases de acción xurídica. Os obxectivos económicos mínimos por proxecto oscilarán entre os 6.100 e 7.300 en función das necesidades de cada un. Preme para entrar e facer a túa doazón: https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio

A onde se destinará o meu diñeiro?

A túa doazón irá destinada a cubrir os custos totais derivados da presentación do recurso de alzada e do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra a autorización administrativa previa e de construción dos proxectos eólicos presentes na campaña, así como á solicitude de paralización cautelar e a elaboración do informe ambiental

Como podo facer a miña doazón?
Tes dúas maneiras de facer doazóns: a) se tes interese en apoiar economicamente o recurso dun ou varios proxectos eólicos, podes destinar o teu diñeiro a eles de xeito específico; e b) se queres apoiar a causa de forma máis xeral, podes doar a cantidade de diñeiro que ti decidas ao fondo común da campaña, que irá destinado aos recursos dos parques eólicos que máis o precisen. Podes acceder a el aquí: https://tipodesparalos.helpbysc.com/fondocomun.

Q
ue pasa se non se consegue o mínimo importe para levar o proxecto eólico ante a Xustiza?
A túa doazón é irreversíbel. Se ti achegaches diñeiro a un ou varios parques eólicos concretos e estes non acadan o mínimo necesario para iniciar o procedemento xudicial, a túa doazón pasará a formar parte do fondo común da campaña, co que lograremos que outros proxectos macroeólicos inxustos e insustentábeis poidan ser recorridos.

Pero... Non era que precisabamos das enerxías renovábeis para mitigar o cambio climático?

Por suposto. Esta campaña non é unha afronta ás enerxías renovábeis, que consideramos chaves para o coidado do planeta no actual contexto de grave crise climática, senón que nace do rexeitamento social ao modelo de depredación macroeólica especulativa que a Xunta de Galiza e o Goberno español están impoñendo ao ditado das grandes multinacionais da enerxía. Un modelo que provocará danos irreversíbeis ambientais, patrimoniais, sociais e económicos. Sabémolo ben: eólica si, pero non así. ADEGA loita por unha planificación de enerxías renovábeis ao servizo do pobo, compatíbel coa conservación ambiental, e que garanta os dereitos de participación social. Estamos por unha enerxía xusta e sustentábel!


Temos alternativa e estamos a tempo de frear o desastre. Doa!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal