ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro "As aves na trampa do vento"

26-03-2023

Roteiro "As aves na trampa do vento"

O vindeiro domingo 26 de marzo achegarémonos ata a Mariña, e será Manolo Miranda, de Mariña Patrimonio quen nos guíe neste roteiro.

O percorrido consta duns 10Km e ten unha dificultade baixa/moderada, comezará en Morás e rematará no faro de Punta Roncadoira.

O punto de encontro será o lugar onde se atopaba a antiga baleeira do Portiño de Morás. Aquí, Lucía Sánchez Meitín, especialista en cultura e patrimonio do Concello de Xove, falaranos da historia da baleeira e o que significou para a zona.

Dende este punto comezaremos a andaina pasando pola canteira de Cabo Morás e mailo lugar onde se fabricaron os dolos empregados na construción dos diques do porto de Alúmina.A continuación, tomaremos o sendeiro que percorre o fermoso litoral de Xove, probablemente o mellor conservado da Mariña luguesa. Durante este traxecto pasaremos pola Atalaia, polas inmediacións da Illa de Ansarón, subiremos ata o monte da Vela, desde onde poderemos contemplar unhas magníficas vistas, e comezaremos o descenso ata a fermosa aldea de Portocelo, en cuxa praia faremos unha parada para xantar.Tralo xantar, colleremos camiño do castro e das ruínas do mosteiro de San Tirso. Desde este lugar, faremos outra pequena subida até o Monte Castelo e finalmente dirixirémonos ao faro de Punta Roncadoira, onde poñeremos punto e final a este roteiro.

O programa de roteiros " Depredación da natureza ou autosuficiencia"

Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio.

Os seguintes roteiros son:

  • 23 de abril: “A Fonte Sagrada” (Fonsagrada)
  • 21 de maio: “Biodiversidade ameazada polo lume no parque natural” (O Invernadoiro)
  • 25 de xuño: “A loita dun pobo, gañar e perder” (Castrelo do Miño)

Reserva a túa praza!

Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com) irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a reserva.

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13h do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.

  • Prezo xeral: 18€
  • Socios/as de ADEGA: 12€
  • Estudantes ou en paro: 15€
  • ata 14 anos: 5€.
Para máis información, tamén se pode chamar ao teléfono 982 240299 ou escribir a adegalugo@adega.gal.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal