ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Charla: Sistema alimentario vs Medio Ambiente

29-11-2022

Charla: Sistema alimentario vs Medio Ambiente

A delegación de ADEGA-Ferrolterra impartirá o vindeiro 29 de novembro a palestra "Sistema alimentario versus Medio Ambiente", na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol (Rúa Real, 29).

Nesta charla debullaremos como o sistema alimentario imposto polo poder está a afectar o medio ambiente en forma de contaminación, perda de biodiversidade, deforestación, monocultivo de certas especies e introdución de exóticas invasoras.

Ademais analizaremos como este é un proceso que se externalizou cara a outros países baixo a escusa de levar o desenvolvemento nos anos 70. Nomearemos como a pesar do caos medioambiental que estamos a sufrir, os acordos de libre comercio con países empobrecidos que non pobres, seguen a asinarse, co cal, seguimos a exportar pobreza, destrución de habitats, destrución de cultivos milenarios e nós seguimos a perder soberanía alimentaria.

Tamén nesta palestra intentaremos ver a cara B do negocio ou máis ben do agro-negocio, sobre todo de 3-4 corporacións e como a alimentación dominante das nosas sociedades, está a ser totalmente dependente das farmaceúticas e das grandes distribuidoras.

Para ir rematando falaremos mais polo miúdo do costo en saúde desta alimentación, en forma de decesos, enfermidades dexenerativas e incapacidades, xunto co lucro das grandes corporacións da comida, que son en gran medida parte importante da destrución dos nosos ecosistemas. Analizaremos o caso da Galiza, antes e despois da entrada da UE (daquela chamada CEE)  e como a agricultura local é a única saída posíbel, se queremos deixar de destruír os ecosistemas naturais e que estes no que poidan, recupérense.

A palestra será impartida por Miguel Anjo González García, activista medio ambiental de ADEGA-FERROLTERRA e columnista de temas medio ambientais en xornais locais e revistas na rede.

Será o 29 de novembro ás 20h no salón de actos da Escola de Idiomas de Ferrol (R/ Real 29 (Ferrol).

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal