Páx. 13
O concello de Triacastela posúe un gran patrimonio, sobre todo no terreo da arqueoloxía e a paleontoloxía. Esta é unha zona onde abundan as cavidades naturais que consistían no principal agocho, tanto para homes como para animais, en época prehistórica. Entre todos estes refuxios destaca Cova Eirós, principalmente polos importantes achados arqueolóxicos e paleontolóxicos que se teñen realizado nas distintas campañas. Mais todo este patrimonio estase a poñer en perigo por mor das canteiras de pedra caliza no Monte Penedo por parte da empresa cementeira Cementos Cosmos S.A.
Páx. 14 - 16
Todo comezou en 1998 cun recheo ilegal de 60.000 m2 na ría de Ferrol, que logo pasaría a 120.000 m2, autorizados pola Autoridade Portuaria, xunto cunha recualificación de terreo. O propietario deses terreos, que despois se convertería no presidente de honra e alma máter de Reganosa, Roberto Tojeiro, pensou entón, en conivencia coa Xunta de Fraga, instalar alí unha planta regasificadora, no interior da ría, no peirao de Mugardos. O Grupo Tojeiro tería a participación do 18% do capital, Endesa e Fenosa do 21% respectivamente, a Xunta dun 10%, ao mesmo que Sonatrach e Caixa Galicia, e outro 10% estaría adxudicado para o Banco Pastor e Caixa Nova. Namentres, os sectores contrarios á localización e instalación da planta de gas en Mugardos constituíanse como grupo de oposición no Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, un colectivo formado por medio cento de entidades locais que centrou os seus obxectivos ata o día de hoxe en demostrar a ilegalidade de Reganosa, así como a súa influencia negativa sobre a seguridade das persoas e o medio ambiente. Tras nove anos de incertezas, o 2007 representa un punto de inflexión: comeza a actividade de Reganosa, en período de probas, consegue seis meses despois o permiso de actividade definitivo e descóbrese un documento no que, supostamente, a Xunta se compromete a situar a planta de gas nos terreos de Tojeiro e, polo cal,segundo o Comité, poderían ser imputados penalmente o ex presidente Fraga e o seu conselleiro de Economía, Xosé Antón Orza.
Páx. 36 - 37
O territorio galego é na súa maioría monte, un monte moi dividido con máis de 600000 propietarios, o cal sumado a que os donos viven afastados do mesmo, provocou que non se fixera unha boa xestión do mesmo. Agora a Consellería do Medio Rural do bipartito, ven de aprobar unha figura con personalidade xurídica que pode cambiar a situación, as UXFOR Unidade de Xestión Forestal, e que van permitir a eses pequenos propietarios facer unha boa xestión do mesmo que permita loitar contra os lumes que tanto dano fan en Galiza cada verán.
Páx. 30 - 31
Os PXOUs ou PXOMs son os Plans Xerais de Ordenación Urbana ou Municipal, un instrumento do que dispoñen os concellos para, moito máis aló de ordenar o crecemento urbanístico ou o desenvolvemento rural, a ordenación do territorio: cales van ser os seus usos, incluíndo temas esenciais como economía, medio ambiente, infraestruturas, etnografía… ou mesmo a calidade de vida da veciñanza. Paralelamente leva consigo unha normativa que rexerá as futuras actuacións.
CERNA Nº 58 - Crónica: O incerto futuro de ENCE en Galiza
Páx. 14 - 15
O Estado español ten entre 3 e 5 millóns de vivendas baleiras. A pesares diso nos últimos anos duplicouse o número de vivendas construídas, pasaron de ser 10 a 20 millóns. Son os datos que ilustran o descontrol e a devastación do urbanismo e dos que se fixo eco o Parlamento Europeo para criticar por primeira vez na historia o delirio urbanístico do territorio español no seu conxunto. Tras recibir máis de 20.000 denuncias de particulares e asociacións españolas na Comisión de Peticións sobre uns 180 proxectos urbanísticos insostíbeis e prexudiciais para o interese xeral dos cidadáns, a parlamentaria danesa polos Verdes, Margrete Auken, abandeira un informe no que rexeita a caótica situación e insta ás autoridades públicas a reconducir a súa actitude e a actuar con responsabilidade.
CERNA Nº 59 - Mar: do litoral ás profundidades
Páx. 26 - 27
As grandes empresas apodéranse do territorio xustificando “servizos á sociedade”. Así é considerado o termo de Utilidade Pública. En principio, debería ser o Estado quen fornecese deste amparo a toda a cidadanía, pero cando a Administración non pode atender a todas as necesidades e servizos, estes son privatizados, ao menos esa é a xustificación. Polo tanto, o Estado perde funcións, mentres que as grandes empresas substitúeno na atención ao cidadán en materias como o abastecemento enerxético, a minaría ou a alimentación, entre outras.