Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Milleiros de persoas esixen na Illa de Arousa a fin...
16-06-2026
Miles de persoas por terra e máis de 300 embarcacións no mar ateigaron este pasado domingo, 14 de xullo, a illa de Arousa para esixir á Xunta de Galiza a denegación definitiva dos proxectos da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei e a reapertura da Mina de Cobre de Touro-O Pino.
Máis de 10.000 persoas percorreron a illa desde a Praia do Vao ata o Porto de Xufre. Antes de arrancar a mobilización, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido; e as voceiras da Plataforma Ulloa Viva e da Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, Marta Gontá e Che Cancelo, respectivamente, reclamaron perante os medios o "enterro" destes proxectos industriais contaminantes, e apelaron "á defensa do río Ulla e a ría de Arousa".
O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, lamentou que "o señor Rueda estea decidido a sacrificar o río Ulla e a ría de Arousa para beneficiar a uns privilexiados. Quere malvender o noso país e mudar o noso modo de vida". Rubido tamén criticou que Rueda "use diñeiro público para promover proxectos que destrúen e desarticulan o noso territorio". Para Rubido, aprobar estes proxectos supón camiñar en contra da soberanía alimentaria e a favor do cambio climático.
A voceira da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, asegurou que o proxecto de Altri non cumpre tecnicamente nin conta con licenza social. Gontá tamén se dirixiu ao presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, para lle demandar "que, como mínimo, sexa educado, coherente e empático" e "deixe de vender como progreso o retroceso". "Chegaremos ata o final", sentenzou.
Por último, a voceira da Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, Che Cancelo, lembrou os 9 anos de loita contra a mina de Touro-O Pino, e asegurou que "este é un conflito ambiental, territorial, social e económico que segue máis vivo ca nunca". Cancelo mandou unha mensaxe desde a Illa de Arousa: “Que escoiten ben os que gobernan e as empresas que queren impoñernos as súas miserias contaminantes: teñen enfronte a todo un pobo que está en pé para paralos”.
Ao remate do percorrido, no escenario instalado no Porto do Xufre, Ana Millán (PDRA), Olaya Barral (Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non) e Patricia Coucheiro (Plataforma Ulloa Viva) deron lectura ao manifesto conxunto. Nel destacaron a importancia da defensa da auga, un recurso esencial para a vida, para a soberanía alimentaria e para o mantemento dos modos de vida tradicionais nun contexto de cambio climático.
Tamén denunciaron, en contraposición, o apoio da Xunta a iniciativas que supoñen unha ameaza para o medio ambiente, os sectores produtivos e a saúde da poboación. As entidades advertiron dos impactos asociados á expansión do monocultivo de eucalipto, á contaminación das augas e á perda de actividade económica vinculada ao rural e ao mar.
Este acto no porto foi conducido pola actriz Isabel Risco, que amenizou a chegada dos milleiros de manifestantes que percorreron as rúas da illa de Arousa ata o Porto do Xufre. No mar, máis de 300 embarcacións procedentes de diferentes puntos da ría de Arousa sumáronse á protesta, e fixeron soar as súas bucinas en sinal de rexeitamento aos proxectos de Altri e da mina de Touro-O Pino.
Como colofón, Son da Illa e Loita Amada foron as encargadas de poñerlle o toque musical a unha xornada de mobilización histórica que reuniu persoas chegadas de toda Galiza baixo o lema "re-matemos Altri e a mina de Touro-O Pino".