Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Unha manifestación por terra e mar exixirá o domingo na...

09-06-2026

Unha manifestación por terra e mar exixirá o domingo na Illa de Arousa “a fin” para Altri e a Mina de Touro-O Pino

As Plataformas Ulloa Viva, En Defensa da Ría de Arousa e Mina de Touro-O Pino Non presentaron hoxe en rolda de prensa a bordo do bateeiro “Carallada” no Porto de Xufre (A Illa de Arousa) os pormenores da manifestación convocada para o vindeiro domingo 14 de xuño na Illa de Arousa para esixir a denegación definitiva dos proxectos de Altri e a Mina de Touro-O Pino e “en defensa do río Ulla e a Ría de Arousa”.

A manifestación sairá da praia do Vao ás doce do mediodía e decorrerá por terra e por mar para rematar no Porto de Xufre. Barcos da banda norte e da banda sur da Ría de Arousa sumaránse á flota da Illa de Arousa para entrar no porto coincidindo coa chegada da manifestación a pé. Os presidentes de Ulloa Viva e a PDRA, Juan Pedro Sánchez e Xaquín Rubido, e a voceira da Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, sinalaron hoxe a importancia desta convocatoria nun momento no que “nin as empresas -Greenfiber e Cobre San Rafael- nin a Xunta renuncian a seguir tramitando” estes proxectos industriais.

“Pola defensa do Ulla e da Ría de Arousa”, as tres plataformas convocantes insistiron na súa exixencia de que a Xunta de Galicia “denegue” ambos proxectos industriais e chamaron a “re-matar” e “enterrar” coa mobilización social por terra e por mar tanto Altri como a reapertura da Mina de Touro-O Pino.

Situación “agónica” da Ría de Arousa

O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, detallou con cifras na rolda de prensa a “situación agónica” da produción marisqueira na Ría de Arousa, con perdas económicas de 59,3 millóns de euros para o sector entre 2021 e 2025. Aínda con estes datos, Rubido criticou que “a Xunta está decidida a impoñernos os seus proxectos contaminantes e a provocar un cambio de modelo produtivo”. 

Na Ría de Arousa a baixada na produción de mexillón no último trienio 2023-25, foi do 30,5% con relación á media dos dez últimos anos (período 2013-22). A baixada na produción de bivalvos no tramo do 1 de xaneiro ao 1 de xuño, na ría de Arousa no último trienio 2024-26, foi do 65,4% con relación á media dos vinte últimos anos (período 2004-23). Rubido detallou perdas por especies senlleiras de máis do 92% no berberecho e a ameixa fina, o 91% no caso da ameixa babosa e máis do 68% menos na ameixa rubia só no bienio 2024-2025. Neste contexto, o presidente da PDRA afirmou que “os convenios ofertados pola Consellería do Mar son unha esmola propagandística que pretende ocultar a pasividade e inoperancia da Xunta”.

Xaquín Rubido lembrou a “negativa do PP a declarar de interese xeral ao sector do mar tradicional no debate da ILP no Parlamento de Galicia”, e acusou ao goberno de Rueda de tomar decisións que “empeoran a calidade das nosas augas” como a vertedura dos dragados do río Lérez en Sálvora, a planta de betume no porto de Vilagarcía, a mina de Touro e a celulosa de Palas. Advertiu que todas “son decisións e actitudes que van acabar co sector marisqueiro e a prosperidade de miles de familias”.  Por iso, desde a PDRA reclaman para o sector do mar “a urxencia dun plan de  rexeneración dos bancos marisqueiros e un plan de saneamento integral da ría e dos rios, cunha forte dotación económica e a anulación do punto de vertido de Sálvora e dos proxectos estratéxicos nefastos para a ría”.

En caso contrario, advertiu Rubido que “medrará o abandono do mar e as confrarías irán pechando”, co que “perderanse as concesións e, por fin, a Xunta introducirá a acuicultura industrial -que xa aparece nos orzamentos de 2026- nas concesións do marisqueo. Porque a Xunta está facendo inviable o marisqueo”.

Ofensiva “autoritaria” da Xunta de Galicia

A voceira da Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, Che Cancelo, lembrou os requerimentos que a Xunta de Galicia está facendo desde fai meses ás persoas e colectivos que alegaron contra a reapertura da Mina de Touro, e que mesmo a semana pasada o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba outros 1.600, tal e como aconteceu fai un ano na tramitación do proxecto da macrocelulosa de Altri. Os representantes das tres plataformas falaron dunha “ofensiva agresiva e autoritaria” da Xunta en beneficio das empresas promotoras e contra as galegas e galegos. Che Cancelo asegurou que “se a estas alturas, a fábrica de Altri non está a funcionar e se non reabriu a mina de Cobre de Touro- O Pino débese á forza e á presión sobre os nosos gobernantes que leva anos exercendo a poboación directamente afectada e gran parte da cidadanía e da opinión publica galegas”. Pero advertiu Cancelo que polo de agora só acadamos “retrasar”, e explicou que “falo de retrasar de momento estes proxectos porque nin as empresas depredadoras renunciaron ás súas agresións nin a Xunta de Galicia fixo outra cousa que dar largas”. 

Neste contexto, Cancelo fixo un chamamento a participar masivamente na manifestación do domingo na Illa de Arousa, porque “se non nos movemos, se non mantemos a presión coas nosas mobilizacións, tanto as empresas depredadoras como a actual Xunta de Galicia non dubidarán en levar adiante os seus proxectos”. Criticou Cancelo que estas ameazas “están a durar demasiado”, pero advertiu que “non nos van cansar, imos aguantar o envite porque nos xogamos o noso modo de vida e o noso futuro”.

Só vale a denegación

O presidente da Plataforma Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, advertiu á Xunta hoxe desde a Illa de Arousa que “as mentiras teñen patas curtas, xa sabemos como a cada paso que dan, retroceden un”. Por iso insistiu en que despois de case catro anos de loita contra o proxecto de Altri “non nos importan as súas tácticas; a nosa estratexia é continuar a loita porque nunca nos deixamos enganar polas súas palabras baleiras”. Sánchez lembrou que “dixeron que o ían arquivar, nós exiximos que o enterren” e advertiu que diante “teñen un pobo esperto e con gañas de loitar”. 

A respecto do anuncio de arquivo e as alegacións da empresa, o presidente de Ulloa Viva explicou que “A Xunta dixo que o problema estaba na planificación eléctrica do Estado español; a empresa di agora que ten a solución na súa propia planta de coxeración”. Diante desto Sánchez asegurou que “iso xa estaba escrito en marzo de 2024. Todos o sabiamos, tamén a Xunta de Galicia”. 

Neste contexto a Plataforma Ulloa Viva chama á “loita contra o engano”. O seu presidente fixo un chamamento á participación masiva de toda a sociedade galega na manifestación do domingo na Illa de Arousa e o apoio á campaña de recollida de sinaturas en marcha porque “necesitamos que todos esixan o rexeitamento do proxecto. Nada máis servirá, o expediente é unha broma”.

Novas relacionadas

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal