Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA inaugura en Verín a mostra "50 anos coidando a...

22-05-2026

ADEGA inaugura en Verín a mostra "50 anos coidando a terra", unha xanela á memoria colectiva do país

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) inaugurou este venres no Parque da Alameda de Verín a exposición “50 anos coidando a terra”, unha mostra itinerante coa que a organización decana do ecoloxismo galego conmemora medio século de traxectoria na defensa ambiental de Galiza.

Tras o seu paso polas principais cidades e numerosas vilas do país, a exposición chega á localidade de Verín, onde permanecerá instalada até o 16 de xuño. O acto de inauguración foi conducido por Ánxeles Sierra, secretaria da delegación de ADEGA-Monterrei, quen comezou agradecendo a presenza das institucións, entidades colaboradoras e persoas que ao longo destes 50 anos fixeron posible que a asociación chegase hoxe ata aquí. En concreto, estiveron presentes no acto José Ramón Reigada, en representación da SGHN, e Santiago González, en nome de Ecoloxistas Galego-Transmontano. Pero o evento tamén contou cunha ampla representación do concello de Verín, coa presenza de Cándida Couñago, concelleira de Seguridade; Rosario Rodríguez Delgado, concelleira de Asuntos Sociais; Eugenio Quintas, concelleiro de Relación coa Veciñanza; Manuel Lourenzo, concelleiro de Feiras; e Samantha Barreira, concelleira de Cultura.

"Dentro de 50 anos, que historia queremos que conten de nós?"

Sierra puxo en valor a importancia de achegar esta mostra á comarca. Con ela, dixo, "abrimos unha xanela á memoria colectiva, porque falar de ADEGA é falar dunha forma de entender a nosa terra". A tamén membro da directiva de ADEGA citou no seu discurso moitas das grandes conversas ambientais nas que a organización estivo e está presente: "a protección da auga, dos montes e da biodiversidade, e tamén a defensa dunha relación máis equilibrada entre persoas e territorio".

Ao tempo, Sierra reivindicou a "historia propia" de ADEGA-Monterrei, unha delegación que naceu en torno á defensa do río Támega e do territorio diante dos impactos asociados ás obras do AVE e das verteduras que preocupaban á veciñanza. ADEGA-Monterrei, explicou, "naceu para estar a favor dunha idea moi sinxela: que o territorio merece ser escoitado". E desexou, por último, que esta mostra sexa memoria, pero tamén inspiración. "E que ao saír dela, marchemos cunha pregunta aberta: dentro de cincuenta anos, que historia queremos que conten de nós?".

Ánxeles Sierra destacou tamén o contexto ambiental no que chega a exposición de ADEGA a Verín, en relación á actual catástrofe incendiaria sofrida na comarca: "Hai apenas un ano sufrimos unha vaga de lumes que deixou unha pegada fonda. E aqueles días lembráronnos algo que ás veces esquecemos. Que o territorio non é unha paisaxe de fondo. É o lugar onde vivimos, onde traballamos, onde construímos memoria. E cando un monte arde, cando un río sofre, cando unha paisaxe cambia para sempre, entendemos que todo está conectado".

ADEGA anima á veciñanza de Verín e de toda a comarca de Monterrei a visitar a exposición durante as próximas semanas, nas que, en paralelo, tamén se desenvolverán actividades complementarias enmarcadas na celebración do seu 50 aniversario, como a proxección do documental A terra por gañar.

O acto rematou cunha visita guiada á exposición da man de Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA, que realizou un percorrido polos principais fitos da historia do ecoloxismo galego e das loitas sociais en defensa da terra nas que participou a organización ao longo destas cinco décadas.

A historia do ecoloxismo galego, en 16 paneis

Esta mostra exterior conta con 16 paneis distribuídos en 4 tótem cúbicos expositivos, acompañados de varios bidóns que simulan ser radioactivos e que evocan a confrontación do pobo galego contra os vertidos de residuos nucleares na Foxa altántica, unha das loitas ecoloxistas galegas que maior repercusión tivo dentro e fóra das nosas fronteiras.

A mostra lembra algúns dos logros máis relevantes de ADEGA e da mobilización social na defensa da terra, como o freo aos grandes encoros do Sela ou do Navia, a central nuclear de Xove, ou a prohibición dos vertidos radioactivos no mar galego; mais tamén aqueles capítulos da historia reivindicativa de Galiza que, aínda non rematando en vitoria, supuxeron unha forte demostración de dignidade e de amor do pobo galego pola súa terra, como foi o caso de Baldaio, das Encrobas, ou do Prestige, convertidos hoxe en iconos de referencia do ecoloxismo galego.

A exposición tamén aborda boa parte das ameazas do noso territorio contra as que actualmente está a lidar ADEGA, xunto con organizacións ecoloxistas e sociais do país, como son a incineración de residuos, a eucaliptización, os lumes forestais, a explotación colonial e depredadora dos recursos enerxéticos e mineiros. Ao tempo, amosa o papel pioneiro de ADEGA no ámbito da divulgación, voluntariado e educación ambiental de Galiza e de todo o Estado.

Novas relacionadas

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal