Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Protesta no Ulla para esixir a suspensión do campionato de...
08-05-2026
As entidades ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, Sociedade Galega de Historia Natural, Federación Ecoloxista Galega, Asociación Lobo, A Ulla Viva, Plataforma Ulloa Viva, Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e Mina Touro-O Pino Non concentráronse este sábado na Ponte Medieval de Pontevea para esixirlle á Xunta a suspensión inmediata do concurso de pesca de salmón autorizado para mañá, domingo, no río Ulla.
Ao berro de "Veda total á pesca do salmón", "Xunta, de inmediato, suspende o campionato" ou "Nin Altri, nin mina, nin pesca do salmón", as persoas asistentes despregaron sobre a Ponte Medieval de Pontevea unha gran faixa co lema da mobilización: "Salmón vivo, Ulla vivo!".
No manifesto lido ao remate do acto, as organizacións advertiron de que o concurso "podería supoñer a captura e morte de exemplares reprodutores de salmón atlántico", unha especie que se atopa ao bordo da extinción. "Un Campanu xa non é unha festa, é unha traxedia", advertiron. "Nas actuais circunstancias, cada salmón é un tesouro xenético que non podemos permitirnos o luxo de perder".
Por este motivo, as entidades pediron á Xunta "que atenda os argumentos da ciencia" e suspenda o permiso para pescar mañá salmón no Ulla. Apelaron, ao tempo, á responsabilidade das sociedades de pesca participantes no concurso, para que fronte ao desleixo da Xunta, renuncien voluntariamente á captura desta especie.
O manifesto denunciou tamén a negativa da Consellaría de Medio Ambiente a adoptar medidas cautelares para impedir o concurso, malia a estar en tramitación a solicitude para catalogar o salmón atlántico como especie “En perigo de extinción” en Galiza.
As organizacións lembraron ademais que continúa activa a campaña #AlertaSalmónGalego de recollida de sinaturas para reclamar a inclusión do salmón atlántico no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e a aprobación dun plano de recuperación efectivo para a especie.