Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA inaugura en Allariz a súa exposición "50 anos...

08-05-2026

ADEGA inaugura en Allariz a súa exposición "50 anos coidando a terra"

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), entidade decana do ecoloxismo galego, inaugurou hoxe en Allariz a súa exposición “50 anos coidando a terra”, que permanecerá instalada na Praza do Matadoiro ata o vindeiro 19 de maio. Esta mostra itinerante repasa, a través de relatos e imaxes históricas, algúns dos fitos e mobilizacións ecoloxistas que máis pegada deixaron no país ao longo das últimas cinco décadas.

Logo de pasar por boa parte das principais cidades e vilas galegas, a exposición chega agora a Allariz, un concello referente no eido da xestión dos residuos e a compostaxe. O acto de presentación foi conducido por María R. Lafuente, membro da directiva de ADEGA, quen agradeceu a asistencia das persoas presentes, entre elas, representantes do Mercado da Reserva da Biosfera e do Grupo de Consumo Agrelar, así como a presidenta da Reserva da Biosfera - Área de Allariz e alcaldesa do municipio, Cristina Cid; do concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela, e doutros edís do Concello.

Allariz, referente en compostaxe comunitaria

Durante a súa intervención, María Lafuente puxo en valor a longa colaboración entre ADEGA e o Concello de Allariz no ámbito da educación ambiental e, especialmente, da compostaxe comunitaria e familiar. Lembrou os inicios do proxecto, vinculados a unha viaxe ás xornadas da Rede de Compostaxe celebrada en Victoria no ano 2014, unha experiencia que serviría de punto de partida para a posta en marcha dun modelo pioneiro con 22 áreas de compostaxe comunitaria e campañas de educación ambiental porta a porta. Este proxecto, salientou, “foi moi potente e segue sendo referente a nivel estatal”.

Na mesma liña, o vogal de residuos de ADEGA, Xosé Romero, destacou tamén o traballo desenvolvido conxuntamente entre a asociación e o Concello de Allariz ao longo do tempo en diferentes iniciativas ambientais. Ademais da compostaxe comunitaria e familiar, sinalou a participación nas Limpezas Simultáneas de Ríos promovidas polo Proxecto Ríos de ADEGA. Romero lembrou as colaboracións no marco do proxecto Charcas con Vida, grazas ao cal se creou unha charca no municipio, e diferentes actividades de educación ambiental desenvolvidas no río Arnoia co alumnado dos centros escolares.

Pola súa banda, Cristina Cid, presidenta da Reserva da Biosfera - Área de Allariz e alcaldesa do municipio, puxo en valor a traxectoria de ADEGA na defensa ambiental e a importancia de seguir promovendo proxectos de sensibilización e participación cidadá arredor do coidado do territorio, nun contexto, ademais, "no que o negacionismo ambiental nos está facendo dar pasos atrás e discutir asuntos que parecían xa superados". "Sempre vimos", dixo, "o nome de ADEGA ligado á defensa dos ríos, das rías, dos montes e da identidade nacional, porque cando falamos de natureza tamén falamos de conservación cultural"; ao tempo que apelou a rachar coa "falsa dicotomía" entre progreso e ambiente.

50 anos coidando a terra

A exposición ao aire libre estrutúrase en 16 paneis distribuídos en catro tótems cúbicos, acompañados de bidóns simbólicos que recrean materiais radioactivos, en referencia á oposición galega aos vertidos nucleares na Fosa Atlántica, unha das mobilizacións ecoloxistas máis emblemáticas do país.

A través de textos e imaxes, a mostra ofrece un percorrido pola historia da organización e polas principais ameazas ambientais ás que se enfrontou Galiza nos últimos 50 anos, desde a loita contra as verteduras contaminantes e os incendios forestais ata a defensa do territorio fronte á especulación e os macroproxectos industriais.

Esta mostra ten como obxectivo conmemorar o 50 aniversario de ADEGA, promover a educación ambiental e incentivar o compromiso das novas xeracións coa defensa da terra e dun futuro sustentable para Galiza.

Novas relacionadas

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal