Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA publica o primeiro libro sobre a historia dos 50 anos...
21-04-2026
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza aproveitou hoxe, Día mundial da Terra, para presentar publicamente o libro conmemorativo do seu medio século de historia, titulado “ADEGA: 50 anos coidando a terra”, que repasa a traxectoria de ADEGA, entidade decana do ecoloxismo galego. A publicación forma parte das actividades conmemorativas desenvoltas no marco dun convenio de colaboración da Deputación provincial da Coruña grazas ao cal ADEGA elaborou un documental audiovisual, unha exposición exterior itinerante e coeditou este libro, do cal se imprimiron 700 exemplares.
O acto de presentación pública tivo lugar hoxe na cidade da Coruña, nas dependencias do Círculo de Artesáns, no que participaron o presidente de ADEGA, Manuel Soto, e a deputada de Medio Rural e Mar da Deputación da Coruña, Cristina Capelán. Tamén estiveron presentes algúns dos autores e autoras do libro que fixeron parte dos primeiros anos da historia de ADEGA, como son Carlos Vales, Tino Fraga ou Calros Silvar, aos que se lles fixo entrega da publicación.
O libro “ADEGA: 50 anos coidando a terra” é a primeira publicación que describe o percorrido do ecoloxismo galego no último medio século de historia, dando conta de cales foron os principais fitos do colectivo e tamén as problemáticas socioambientais máis ás que se afrontou ADEGA, xunto con outras organizacións ambientalistas e veciñais, en diferentes eidos de traballo: enerxía, ríos, residuos, montes, minaría, etc.
Nas vindeiras semanas, ADEGA prevé poñer á disposición do público xeral o contido desta publicación non venal en formato dixital.
Manuel Soto, presidente de ADEGA, destacou a relevancia desta obra como forma de recoñecemento a moitas das persoas que contribuíron á historia do ecoloxismo galego e como recordatorio das principais loitas nas que o movemento conseguiu vencer e moitas outras que non se gañaron, pero que deixaron a pegada dunha conciencia ambiental colectiva que a día de hoxe persiste na cidadanía galega. Soto lembrou algúns dos logros de ADEGA e do movemento, como o freo de máis dunha ducia de proxectos de celulosas, da central nuclear de Xove, dos vertidos radioactivos na Fosa Atlántica, de concentracións parcelarias altamente destrutivas, dun feixe de grandes encoros, máis dun cento de minicentrais nos ríos, varias incineradoras de residuos, proxectos de megaminaría, megaproxectos acuícolas en Rede Natura, numerosos parques eólicos de alto impacto ambiental…
Pero tamén puxo de relevo actuacións impulsadas en positivo, desde o apoio aos proxectos comarcais de reciclaxe, o desenvolvemento da compostaxe doméstica e comunitaria en perto dun centenar de concellos, as limpezas simultáneas de praias e ríos, o Proxecto Ríos, pasando por varias campañas de Iniciativa Lexislativa Popular para o Parlamento galego, e unha contribución singular e pioneira a sensibilización ambiental da cidadanía. Reproducindo algunhas das citas do libro, o presidente de ADEGA concluíu que “gañamos moitas batallas mais estamos perdendo a guerra, tanto na Galiza como no planeta, polo que non debemos abandonar agora os noso esforzos, senón ampliar o apoio social e o activismo ecoloxista do país”.
Rematou a súa intervención agradecendo a participación neste proxecto de todas as autoras e autores, cun total de 27 contribucións, tanto dos textos como do material gráfico, e a colaboración da Deputación da Coruña sen a cal non sería posíbel a edición dunha publicación imprescindíbel na memoria colectiva do país e, nomeadamente, dos movementos na defensa da terra. Dedicou o libro a todas as socias e socios de ADEGA, o piar fundamental desta traxectoria.
Pola súa banda, a deputada de Medio Rural e Mar da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, quixo recoñecer e agradecer expresamente o labor de ADEGA ao longo destes 50 anos, destacando “o esforzo constante, o compromiso e a capacidade de mobilización dunha entidade fundamental na defensa ambiental de Galiza”, poñendo en valor o papel da asociación como referente na sensibilización social e na loita por un modelo máis respectuoso co medio natural.
A publicación “ADEGA: 50 anos coidando a terra” consta de 270 páxinas e 25 artigos que se dividen en dúas partes. A primeira recolle o testemuño de persoas protagonistas dos 50 anos de ADEGA, algunhas delas presentes no momento da fundación da asociación, e outras moitas que se foron incorporando co tempo a esta longa andaina; e a segunda, incorpora a colaboración doutras persoas, que ben desenvolven a súa intervención en organizacións afíns como é a Federación Ecoloxista Galega, ou ben se dedican á análise de aspectos concretos da problemática ambiental, galega ou global, que son da maior importancia para o futuro da vida no planeta e na Galiza.
Nos primeiros capítulos da obra analízase o contexto socio‐político concreto no que nace a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, en plena ditadura franquista e nun contexto internacional de preocupación incipiente polas problemáticas ambientais, desde o esgotamento dos recursos, a explotación de especies xa en perigo, as intervencións nosecosistemas e os cambios nos usos do solo, e nomeadamente a contaminaciónquímica, as celulosas e os riscos da enerxía nuclear. Abordan estas páxinas autores como o Fernando González Laxe (ex-secretario xeral de ADEGA e ex-presidente da Xunta de Galiza), Ramón Varela, Carlos Vales, Xosé A. Fraga Vázquez, Pilar Bermejo, Adela Figueroa Panisse, Daniel L. Vispo, Froilán Pallín, Modesto Solha e Calros Silvar.
A loita por uns ríos vivos, pola paz, por un modelo de xestión de residuos alternativo a SOGAMA, por unha transición enerxética que reduza a nosa dependencia dos combustíbeis fósiles sen poñer en risco a biodiversidade e o rural galego, e contra o modelo colonial do extrativismo mineiro son outras das constantes de ADEGA ao longo de cinco décadas de traxectoria, que aínda supoñen un reto e que se analizan no libro por Xesús Domínguez, María R. Lafuente, Manuel Soto, Ana Santamariña, Fins Eirexas e Belén Rodríguez. As mareas negras, a eucaliptización e os lumes, a Educación Ambiental, a Eira da Xoana e as alianzas no seo da Federación Ecoloxista Galega (FEG) son temáticas abordadas, respectivamente, por Fiz Fernández, Xesús Pereiras, Ramsés Pérez, João Manuel Peres e Xosé Salvadores.
Tal e como sinala o Presidente da Deputación da Coruña nas primeiras páxinas do libro, celebrar estes 50 anos de ADEGA serve non só para botar a ollada atrás e facer memoria, tamén que constitúe unha grande oportunidade para mirar con determinación o futuro nun momento no que e o planeta afronta retos ambientais sen precedentes. É por iso que, na segunda parte da publicación, referentes do activismo ecoloxista e/ou da investigación nos eidos da saúde ambiental das rías, da diversidade biolóxica e conservación da natureza, dos impactos da eucaliptización, da transición enerxética e dos límites planetarios seguros e xustos achegan unha visión, ao par que preocupante, inspiradora, dos retos do presente e do futuro do ecoloxismo, en particular, e do pobo galego en xeral.
Xaquín Rubido achega unha radiografía do estado preocupante da ría de Arousa, emblema do sector marisqueiro e pesqueiro, que está en perigo. A protección da biodiversidade, atrapada na inseguridade xurídica e estancada desde hai décadas pola pasividade da Xunta é analizada polo biólogo e vogal de ADEGA, Martiño Nercellas. O investigador da Universidade de Vigo, Adolfo Cordero-Rivera aborda neste apartado a problemática ambiental e social xerada pola transformación do monte galego nun grande eucaliptal, feito que acelera a perda de servizos ecosistémicos e incremente o risco de lumes forestais, cuestión da que tamén fala a profesora María Xosé Vázquez.
Pola súa banda, o académico Xabier Simón lembra que a transición enerxética debe ir ligada a cambios profundos no sistema económico imperante e que as enerxías renovábeis, por si soas, non son a solución. Un reto que debemos de afrontar no presente e no futuro, xunto con outros moitos, no marco do respecto dos límites planetarios e co obxectivo de afrontar a crise ambiental, tal e como fundamenta Emilio Fernández Suárez.