Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA-Compostela rexeita a planta de residuos en Cacheiras...
21-04-2026
A delegación de ADEGA en Compostela rexeita a localización dunha planta de tratamento de residuos da construción e demolición (RCD) próxima a unha zona residencial en Cacheiras (Teo), e expresa o seu apoio á veciñanza afectada.
O proxecto prevé tratar até 25.000 toneladas anuais de residuos, unha actividade que se ben é defendible desde o punto de vista ambiental e ecoloxista (como última opción despois da prevención da xeración de residuos e da reutilización directa dos materiais), non o é polo emprazamento elixido, situado nunha contorna maioritariamente residencial. Máis de 25 vivendas e tamén espazos de uso comunitario atópanse a menos de 200 metros da parcela.
Tanto o Estudo de Impacto Ambiental Simplificado como o Informe de Impacto Ambiental presentan importantes deficiencias e minimizan esta proximidade de vivendas á área prevista para a planta. Tampouco protexen a poboación dos impactos potenciais de contaminación por partículas, ruídos e elevado tránsito de camións. A documentación limita as medidas correctoras a formulacións vagas e condicionadas á aparición de queixas, de maneira que se traslada á poboación a carga de demostrar os impactos unha vez producidos.
ADEGA-Compostela alerta tamén de dúbidas relevantes sobre a adecuación das instalacións, previstas en gran parte ao aire libre, o que dificulta garantir a correcta impermeabilización do solo e a protección das augas. As medidas propostas para minimizar os impactos, como o “encapsulado” da maquinaria, carecen, ademais, de definición técnica.
O mesmo sucede no relativo ao tráfico, xa que o estudo infravalora de forma significativa o tránsito de camións. Fronte á estimación dun vehículo cada dous días, a organización ecoloxista calcula que poderían circular varios camións diarios, cun impacto directo na seguridade viaria e na calidade de vida da veciñanza.
A maiores, non se analizan alternativas en solo industrial nin se achega información clara sobre a procedencia dos residuos, malia tratarse de aspectos clave para a planificación deste tipo de instalacións. Por todo isto, ADEGA reclama a revisión do proxecto e unha localización axeitada que garanta a protección da saúde e da calidade de vida da poboación.