Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Máis de 2.500 sinaturas esixen á Xunta de Galiza que...

15-04-2026

Máis de 2.500 sinaturas esixen á Xunta de Galiza que declare o salmón galego "en perigo de extinción"

As entidades ecoloxistas ADEGA, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), AEMS-Ríos con Vida e Asociación Lobo rexistraron hoxe na Xunta de Galiza máis de 2.500 sinaturas de apoio á solicitude de inclusión do salmón atlántico (Salmo salar) no Catálogo Galego de Especies Ameazadas coa categoría de "En perigo de extinción".

As organizacións destacan que estas 2.500 sinaturas, recollidas en pouco máis dun mes tanto vía telemática como física, constitúen un destacado respaldo cidadán á solicitude xa presentada polas entidades ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que a administración galega asuma a súa responsabilidade e protexa esta especie coa categoría de "En perigo de extinción".

Segundo o Atlas do Salmón Atlántico en España (Ministerio para a Transición Ecolóxica, 2021), as poboacións galegas reducíronse máis dun 80% desde a década de 1970. Ademais, pasouse de máis de 20 ríos históricos con presenza reprodutora a menos de 8 na actualidade, moitos deles con poboacións moi reducidas e illadas.

Ante esta situación, as entidades promotoras aseguran que o salmón galego cumpre cos criterios técnicos e legais para ser declarado “En perigo de extinción”, polo que instan á Xunta de Galiza a tramitar esta catalogación e a desenvolver un plan de recuperación efectivo. Esta figura de protección obriga á administración a implementar medidas concretas para restaurar hábitats, mellorar a conectividade fluvial e garantir o seguimento científico da especie.

Baixo o lema "Activa a #AlertaSalmónGalego", a campaña de sinaturas permanecerá aberta ata o vindeiro 2 de maio para reforzar así a demanda social para que a Xunta actúe de acordo cos datos científicos dispoñibles.

A extinción do salmón atlántico en Galiza suporía unha perda irreparable desde o punto de vista ecolóxico e cultural. Por iso, ADEGA, FEG, SGHN, AEMS-Ríos con Vida e Asociación Lobo fan un novo chamamento cidadá para apoiar a campaña e contribuír a frear o declive dunha das especies máis simbólicas dos ríos galegos.

Convocatoria extraordinaria do Observatorio galego da biodiversidade

Ao mesmo tempo, as dúas representantes ecoloxistas no Observatorio veñen de solicitar tamén unha convocatoria extraordinaria deste organismo para informar sobre as propostas de catalogación das poboacións galegas de salmón atlántico (Salmo salar) presentadas. Dáse a circunstancia de que en 2025 a Xunta incumpriu o deber legal de reunir este organismo consultivo, cuxa periodicidade mínima é unha vez ao ano, para dar conta do estado da biodiversidade galega.

O Observatorio galego da biodiversidade, organismo asesor da Xunta de Galiza, ten a encomenda de elaborar, compilar e subministrar toda a información posible sobre o estado da biodiversidade en Galiza e a súa conservación. Asemade, e segundo o art. 2 do Decreto 260/2007, este organismo ten tamén a función de informar con carácter facultativo e non vinculante, sobre a catalogación, descatalogación e cambio de categoría de ameaza das especies de fauna e flora de Galiza no Catálogo galego de especies ameazadas.

Novas relacionadas

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal