Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Inaugurada en Ourense a mostra de ADEGA que percorre os...

14-04-2026

Inaugurada en Ourense a mostra de ADEGA que percorre os seus 50 anos en defensa do medio ambiente

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), organización referente do ecoloxismo no país, inaugurou hoxe en Ourense a exposición "50 anos coidando a terra", coa que conmemora medio século de traxectoria en defensa do medio ambiente galego. Tras seu paso por outros concellos de Galiza, a mostra chega agora ao concello ourensán, onde permanecerá ata o 21 de abril na Praza Bispo Cesáreo.

O acto de inauguración foi conducido polo presidente de ADEGA, Manolo Soto, que repasou as loitas ambientais nas que ADEGA estivo presente e debullou os comezos da organización, creada no 1974 e legalizada no 1976. Soto enmarcou esta mostra itinerante nun programa máis amplo de iniciativas que a asociación está a desenvolver con motivo do seu aniversario, e entre as que tamén destaca a difusión dun filme documental e a edición dun libro sobre os 50 anos de ADEGA, que xa se atopa en circulación e que agasallou ás persoas asistentes. 

Neste sentido, o presidente de ADEGA agradeceu a presenza no acto de socias de ADEGA, representantes do BNG (Xosé Manuel Puga, Luís Seara, Erea Blanco e Ruth Reza) e do PSOE de Ourense (Natalia González e Alba Iglesias), e de entidades compañeiras de loita como a Sociedade Galega de Historia NaturalAmigas das Cegoñas e Grupo Ourense Vivo, a quen o fixo un agradecemento.

A inauguración tamén contou coa participación do tenente de alcalde, Aníbal Pereira, que parabenizou a ADEGA e lle desexou "outros 50 anos máis na defensa ambiental de Galiza". "Esta exposición", dixo, "mostra un traballo potente e de moita dedicación", ao tempo que "evidencia os riscos ambientais" que sufriu e segue sufrindo Galiza. Pereira tamén fixo un chamamento á veciñanza ourensá a visitar a mostra e a "sensibilizarse" coas causas ambientais.

O acto pechou cunha visita guiada á exposición da man da secretaria executiva, Belén Rodríguez, que apelou ás presentes a participar na asociación e a achegar aquelas problemáticas e inquedanzas a respecto do coidado medioambiental en Ourense e comarca, no contexto dun proceso de reactivación da delegación ourensá de ADEGA.

50 anos coidando a terra

Esta mostra exterior conta con 16 paneis distribuídos en 4 tótem cúbicos expositivos, acompañados de varios bidóns que simulan ser radioactivos e que evocan a confrontación do pobo galego contra os vertidos de residuos nucleares na Foxa altántica, unha das loitas ecoloxistas galegas que maior repercusión tivo dentro e fóra das nosas fronteiras.

A mostra lembra algúns dos logros máis relevantes de ADEGA e da mobilización social na defensa da terra, como o freo aos grandes encoros do Sela ou do Navia, a central nuclear de Xove, ou a prohibición dos vertidos radioactivos no mar galego; mais tamén aqueles capítulos da historia reivindicativa de Galiza que, aínda non rematando en vitoria, supuxeron unha forte demostración de dignidade e de amor do pobo galego pola súa terra, como foi o caso de Baldaio, das Encrobas, ou do Prestige, convertidos hoxe en iconos de referencia do ecoloxismo galego. 

A exposición tamén aborda boa parte das ameazas do noso territorio contra as que actualmente está a lidar ADEGA, xunto con organizacións ecoloxistas e sociais do país, como son a incineración de residuos, a eucaliptización, os lumes forestais, a explotación colonial e depredadora dos recursos enerxéticos e mineiros. Ao tempo, amosa o papel pioneiro de ADEGA no ámbito da divulgación, voluntariado e educación ambiental de Galiza e de todo o Estado.

Novas relacionadas

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal