Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA, PDRA, confrarías e organizacións de produtores...

11-03-2026

ADEGA, PDRA, confrarías e organizacións de produtores reclaman ao Ministerio que non licite parques eólicos mariños en Galiza sen concluír a revisión do POEM

No pasado febreiro, o Ministerio para a Transición Ecolóxica realizou unha consulta para aprobar as bases que rexerán os concursos para a adxudicación de parques eólicos mariños nas augas de competencia estatal. Trátase de concretar a área, potencia, prazos, criterios de ponderación e demais condicións aplicables aos proxectos enerxéticos que se presenten a concurso, tendo como marco de actuación os 5 POEM (Planos de Ordenamento do Espazo Mariño) aprobados para cada demarcación en 2023.

Porén, os POEM hoxe vixentes deben ser revisados e actualizados, como moi tarde, o 31 de decembro de 2027, e someterse ao procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE), trámite que o Ministerio iniciou en novembro de 2025. Nos documentos dos novos POEM recóllense algunhas novidades con respecto aos planos do primeiro ciclo: novas categorías zonais (ZUP -uso prioritario-, ZAP -alto potencial-, zonas de amortecemento de impactos, de restauración da biodiversidade, etc.), e a consideración das afeccións a caladoiros e zonas de cría, colisión con cetáceos, sumidoiros de carbono… entre outras, que foron ignoradas no primeiro ciclo e non figuran nos POEM vixentes.

As implicacións desta fonda revisión na planificación dos espazos mariños para as 5 áreas reservadas ás instalacións eólicas na demarcación noratlántica non se coñecerán até a publicación do EAE (Estudo Ambiental Estratéxico) e das propostas dos novos POEM. Xa que logo, é moi probábel que as ZAP (Zonas de Alto Potencial) para a eólica mariña definidas no primeiro ciclo sufran modificacións, de aplicárense as restricións por impactos nos caladoiros de pesca, sobre os cetáceos, aves e hábitats sensibles, etc. recollidas nos documentos iniciais do segundo ciclo.

Agora, e sen ter concluído a revisión dos POEM no segundo ciclo, o MITERD pretende aprobar a Orde que establece as bases da concorrencia competitiva dos proxectos eólicos mariños e a conseguinte convocatoria dos procedementos, sen agardar á conclusión da revisión e actualización dos POEM aprobados en 2023, o que constitúe un grave erro de planificación e podería introducir un factor de inseguridade xurídica para o desenvolvemento dos futuros proxectos.

Xa que logo, as organizacións asinantes vimos de reclamar ao MITERD, no trámite de consulta pública das bases para o concurso dos proxectos eólicos mariños no mar de Galiza, que non inicie ningún procedemento de adxudicación sen antes concluír a actual revisión dos POEM de segundo ciclo. O contrario suporía poñer de novo o carro diante dos bois, e xa vimos as consecuencias da deficiente planificación no desenvolvemento da eólica terrestre en Galiza.

Organizacións asinantes

  • ADEGA (Asociación para a defensa Ecolóxica de Galiza)
  • PDRA (Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa)
  • Confraría da Illa de Arousa
  • Confraría da Pobra do Caramiñal
  • Confraría de Rianxo
  • OPP-20 (Organización de Produtores de marisco e cultivos mariños de Pontevedra)
  • Amegrove (Cooperativa de produtores de mexillón)
  • As. de produtores de mexillón San Sadurniño de Cambados
  • As. de produtores de mexillón A Pobra
  • As. de produtores de mexillón A Marxa de Boiro
  • Aspromeri (As. de produtores de mexillón de Rianxo)
  • As. de produtores de mexillón de Vilaxoán
  • As. de mexilloeiros Illa de Arousa

Novas relacionadas

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal