Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA reivindica a protección efectiva da biodiversidade no...
09-03-2026
A asociación ecoloxista ADEGA reivindica a protección efectiva da biodiversidade no Día do Naturalismo Galego, unha efeméride que se celebra tal día coma hoxe, 9 de marzo, en homenaxe á figura do Pai Martín Sarmiento, considerado un dos primeiros naturalistas do país. Esta proposta de conmemoración, aprobada en 2023, contou co apoio da Real Academia Galega de Ciencias, do Consello da Cultura Galega e de organizacións ecoloxistas como ADEGA, que xa hai tres anos poñía o foco na absoluta actualidade da mensaxe de Sarmiento de coñecemento e respecto pola natureza.
Cunha Rede Natura e uns espazos protexidos reducidos á mínima expresión, sen apenas conectividade entre territorios e sen as ferramentas necesarias para neutralizar impactos e evitar a perda dos servizos ecosistémicos asociados, a natureza galega ten un futuro moi negro por diante. E á perda diaria de hábitats e especies únese o descoñecemento social da biodiversidade que nos rodea.
Desde ADEGA, xunto con outras entidades ecoloxistas e naturalistas, reivindicamos neste día a protección efectiva da biodiversidade a través dos espazos naturais protexidos e das nosas especies máis emblemáticas e ameazadas. O coñecemento, a conservación e a restauración da variedade da vida, na súas formas xenéticas, de especies e de comunidades, debería de ser un dos obxectivos prioritarios das políticas públicas. E estas deberían prestar unha atención preferente a aqueles organismos e os seus hábitats que na actualidade corren un maior risco de desaparecer.
Se perdemos o salmón, a tartaraña, a santolina, as turbeiras ou os corais fríos, hoxe ameazadas por Altris, minas, eólicos ou vertidos, non só perderemos un patrimonio único e case descoñecido, senón que nos estaremos disparando un tiro no pé como especie. Termos uns hábitats naturais ben conservados e funcionais e unha diversidade natural ampla e robusta é dar unha oportunidade á supervivencia da humanidade. Resulta, xa que logo, máis necesario ca nunca recuperar a mensaxe naturalista de Sarmiento de coñecer e transmitir, para valorar, protexer e restaurar. Neste sentido, ADEGA continúa a impulsar iniciativas de educación ambiental e participación cidadá para achegar este coñecemento á sociedade.
Con este espírito, ADEGA dá hoxe comezo a unha semana ateigada de actividades. Neste día de conmemoración do Naturalismo Galego, a asociación inicia as actividades formativas do Proxecto Ríos coa colaboración da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. En sesión de tarde, persoal de ADEGA achegarase ata o río Rato canda ao alumnado do Máster de Profesorado do Campus de Lugo da USC. Durante a xornada, ADEGA trasladará ao futuro profesorado a experiencia dun programa de educación e voluntariado ambiental con 20 anos de historia, o Proxecto Ríos; e ensinará a metodoloxía para realizar unha inspección de río mediante parámetros biolóxicos, como os macroinvertebrados bioindicadores, ou físico-químicos.
Xa para o mércores, a equipa de educación ambiental de ADEGA tamén impartirá un obradoiro de reciclaxe de papel para as crianzas do CEIP Antía Cal de Muras; e o xoves, desenvolverá unha xornada de voluntariado para restaurar un valado de pedra seca no Monte da Fraga, na Coruña, no marco das actividades do Marzo Ambiental impulsadas pola Oficina de Sustentabilidade da Univesidade da Coruña. Rematará a semana co acto de Queremos Galego na Quintana en prol da lingua (sábado 14) e cun roteiro polo Monte Xalo xa para o domingo, co obxectivo de coñecer de primeira man os valores ecolóxicos deste espazo natural próximo á Coruña e as ameazas ás que agora mesmo se enfronta.