Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Medio Ambiente retirou ilegalmente a protección dun...
27-02-2026
Esta decisión xudicial ten repercusións moi positivas para a defensa ambiental do país e, nomeadamente, para a preservación da Ulloa e da Serra do Careón fronte a ameaza de Altri. O fallo elimina calquera expectativa de que a macrocelulosa se implante na área prevista, e evidencia que a DIA (declaración de impacto ambiental) favorábel outorgada pola Xunta ao proxecto resulta nula, por non considerar a protección ambiental inherente á condición de zona de amortecemento ambiental do territorio pretendido por Altri.
ADEGA resalta a singularidade desta sentenza por ser o primeiro pronunciamento xudicial que compromete directamente a viabilidade ambiental da factoría de Altri en Palas de Rei, e non descarta que o fallo do TSXG fora o que prcipitara o anuncio do arquivo do proxecto pola conselleira Lorenzana e o presidente Rueda. Ademais, o fallo dificulta calquera tentación da Xunta de Galiza de pechar en falso a tramitación macrocelulosa de Altri coa intención de deixar abertas fendas administrativas á futura recuperación do proxecto.
Á vista do contido desta sentenza, ADEGA esíxelle á Xunta non só que resolva expresamente e desestime os procedementos de autorización ambiental integrada (AAI) e de concesión de augas de Altri, senón tamén que declare nula a DIA de marzo de 2025 e revogue a declaración proxecto industrial estratéxico de decembro de 2022.
A sentenza tamén pon de manifesto, máis unha vez, o absoluto desprezo da Xunta polos procedementos administrativos legalmente previstos para a toma de decisións, así como a súa parcialidade sistemática en favor de intereses espúreos e contra o interese xeral e a protección do medio ambiente. En consecuencia, dende ADEGA pedimos a dimisión ou o cesamento da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, pola súa actuación neglixente e ilegal para favorecer o proxecto de Altri contra o interese xeral e a legalidade ambiental.