Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Galiza está a perder entre 2,8 e 5 millóns de toneladas de...

18-02-2026

Galiza está a perder entre 2,8 e 5 millóns de toneladas de solo pola inacción das administracións tralos incendios

A vaga de lumes do pasado 2025, unha das máis intensas da historia de Galiza, deixou 118.966 hectáreas queimadas segundo a Xunta, unha cifra que o programa Copernicus da UE elevou a 209.281. Sobre esta superficie, a propia administración autónoma informou que tiñan previsto actuar con labores de amortecemento de impactos e restauración hidrolóxico-forestal nunhas 200 ha, o que supón o 0,16% da superficie "oficialmente" queimada, ou o 0,09% do detectado polos satélites Sentinel, sistema europeo Copernicus. Unha pinga nun océano de erosión.

Despois dun incendio forestal, os montes queimados fican desprovistos de coberteira vexetal, o que provoca que o solo perda a súa estrutura e coherencia e sufra un proceso de forte escorra superficial polas chuvias e ventos intensos durante os temporais. Dende finais de 2025, as continuas borrascas agravaron este proceso, ao incidir sobre un territorio sobre o que apenas se realizaron intervencións, co que os arrastres e a perda do substrato rico en nutrientes remata por provocar a desaparición total do solo. Pérdense así millóns toneladas dun recurso natural non renovábel tan importante e valioso como é o solo.

Para cuantificar as perdas de solo que están a acontecer nesa enorme superficie queimada, a investigación científica estableceu diversos métodos e ferramentas que permiten estimar este volume en función de factores como a cobertura vexetal, topografía, meteoroloxía, recorrencia... Xa Díaz-Fierros et. al. determinou nos anos 80 do pasado século que as perdas de solo nun terreo queimado abeiran entre as 15 e as 170 toneladas por hectárea e ano.

Tomando como referencia unha cifra estimada (e moi conservadora) de 24 t/ha e ano, obtemos que para as 118.966 ha "oficialmente" queimadas polos lumes en 2025, a erosión eliminará nun ano 2,85 millóns de toneladas de solo (5,02 millóns se tomamos os datos do programa Copernicus).

Denuncia os efectos das escorrentas na saúde pública e ambiental

Numerosos lugares, particularmente da provincia de Ourense, estanse a ver afectados polos arrastres de cinzas e sedimentos que as chuvias están a provocar nos montes queimados. Estas materiais chegan aos mananciais, regos e ríos provocando turbidez e alteracións da química da auga, o que pon en risco o abastecemento de persoas e animais.

A insuficiente actuación das administracións contribúe a agravar esta situación, malia a ser responsabilidade de Xunta e Confederación Hidrográfica tomar medidas tanto de impacto, para evitar os arrastres e garantir a calidade do sumbinistro de auga; como estruturais, para recuperar a funcionalidade ambiental dos territorios queimados.

ADEGA, tal e como fixo tras a vaga de lumes coa posta en marcha de iniciativas de voluntariado para a recuperación dos montes queimados, pon a disposición da cidadanía un modelo de denuncia para lembrar ás administracións as súas obrigas legais e exixirlles a adopción de medidas urxentes para reverter os efectos das escorrentas. Trátase de localizar os puntos nos que, como consecuencia de non térense aplicado medidas básicas de protección e restauración, estanse a producir arrastres que poden comprometer a calidade das traídas e a funcionalidade dos servizos básicos.

Descargas

Novas relacionadas

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal