Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / As emisións de contaminantes atmosféricos en Galiza están...
11-02-2026
Segundo o Rexistro de Emisión Contaminantes PRTR (European Pollutants Release and Transfer Register), os datos de decembro de 2025 relativos ao Estado informan de que en Galiza se emitiron 33 substancias contaminantes á atmosfera. Destas, 17 teñen unha porcentaxe de volume de emisión que supera o 6% do Estado. Xa que logo, para estas substancias, as emisións en Galiza están por riba do que nos correspondería por poboación (5,5% da estatal), territorio (5,65%) ou PIB (5,1%).
Estes contaminantes atmosféricos con altas emisións en Galiza son: Dioxinas e furanos, Hidrofluorocarburos, Óxido nitroso, Naftaleno, Antimonio e compostos, HAP (hidrocarburos aromáticos policíclicos), COVNM (compostos orgánicos volátiles non metano), Cadmio, Zinc, Benceno, Cloro e compostos, Partículas PM10, Níquel, Amoníaco, Óxidos de xofre, Óxidos de nitróxeno e Mercurio.
Do conxunto de contaminantes atmosféricos (33), Galiza ocupa o primeiro posto entre todas as Comunidades do Estado na emisión de 5 substancias: Dioxinas e Furanos, Hidrofluorcarburos (HFC), Oxido nitroso, Naftaleno e Antimonio e os seus compostos. Ocupamos tamén o segundo lugar no Estado por emisión de 2 contaminantes: Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos (HAP), e Compostos Orgánicos Volátiles Non Metano (COVNM); e o terceiro por emisión de 3 substancias: Benceno, Particulas PM10 e Níquel. Con respecto aos valores rexistrados para as emisións á atmosfera de moitas destas substancias contaminantes, en Galiza non se están a cumprir as recomendacións e directrices da OMS (Organización Mundial da Saúde, 2021).
Á vista destes datos, o vogal ecoloxista no Consello da Calidade do Ar de Galiza, Ramón Varela*, trasladará á Xunta na sesión deste organismo consultivo prevista para o 12 de febreiro as seguintes propostas, inspiradas nas recomendacións da OMS:
-Actuar con urxencia para reducir no curto prazo (antes de 2030), as emisións de substancias contaminantes, paticularmente daquelas que superan o 5-6% do total do Estado. Para iso, débese intervir especialmente sobre as instalacións de combustión/enerxéticas, a industria derivada da madeira, a xestión de residuos, a industria química, de minerais e a alimentaria, entre outras. A administración pública debería dar exemplo e actuar naqueles complexos da súa xestión directa ou partillada.
-Elaborar e aplicar un Plano Galego para restrinxir o uso de determinados combustibles fósiles nos procesos industriais, con prazos temporalizados e medidas obrigatorias de redución e substitución.
-Establecer un mapa de zonas saturadas por contaminantes e fixar límites cuantitativos moito máis baixos ou mesmo cero para substancias recoñecidas como tóxicas, perigosas ou moi problemáticas para o medio ambiente e a saúde humana, como o benceno, naftaleno, mercurio, cadmio, níquel, vanadio...
A actual lexislación é especialmente laxa e permisiva coas emisións de substancias contaminantes que afectan á nosa saúde. As actuacións das administracións deberían guiarse polas recomendacións e valores propostos pola OMS, e non preocuparse só de seguir favorecendo as plusvalías de determinadas industrias contaminantes.
*Ramón Varela Díaz é Doutor en Ciencias Biolóxicas (Universidade Autónoma Madrid), experto en contaminación ambiental e ex-presidente de ADEGA.