Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Galiza pola Paz anuncia mobilizacións contra a...
03-02-2026
A Plataforma Galiza pola Paz, que aglutina diversas organizacións do tecido social galego, entre elas, ADEGA, compareceu hoxe en roda de prensa para anunciar unha serie de mobilizacións e accións de rexeitamento do que consideran un escandaloso incremento do gasto militar e unha aceleración das agresións imperialistas.
Na roda de prensa compareceron Rafa Vilar e Marta Romero, portavoces da plataforma, que explicaron que a dinámica de mobilizacións que pretende levar a cabo a Galiza pola Paz comezará este xoves 5 ás 20h, con concentracións simultáneas nas sete cidades galegas baixo o lema “Contra o imperialismo e a militarización: Paz”.
Rafa Vilar lembrou que a Unión Europea pretende levar adiante o plano RearmEurope que significa destinar 800 mil millóns de euros adicionais ao gasto militar que xa existe, “o que significaría para Galiza 4.800 millóns a máis dos 1.600 millóns que xa destinamos cada ano todas as galegas e galegos aos gastos do Estado español en defensa”. Este incremento do gasto militar, que dispara o incremento xa previsto exixido pola OTAN, prodúcese, ademais, nun “escenario alarmante” en que as potencias imperialistas incrementan a súa agresividade contra países que lles resultan incómodos, como Venezuela, Nixeria, Cuba ou Irán, “mais tamén entre si” en vista da crise entre os Estados Unidos e a Unión Europea en relación ao control de Groenlandia. Vilar explicou que a única saída é un cambio de paradigma que privilexie as relacións entre os pobos, o respecto á súa soberanía e o multilateralismo, en lugar do seguidismo dos Estados Unidos e da lei do máis forte.
Por outra parte, desde a plataforma lembraron que, para Galiza, esta militarización representa unicamente unha vía para afondar nun papel subalterno para o país, como colonia extractiva de recursos de uso militar, como as chamadas terras raras, e en plataforma bélica, referíndose ás diferentes instalacións militares ao servizo da OTAN que existen en Galiza; “todo isto con grande impacto ambiental e social e sen que se estea a dar un debate serio ao respecto”.
Marta Romero, pola súa parte, insistiu en que a mobilización é “esencial para trasladar a presión social e producir os cambios políticos necesarios para corrixir esta deriva”, e que resulta a única vía pola que “o pobo galego pode expresar a súa opinión ao respecto nesta situación de ausencia de debate”. “As convocatorias deste 5 de febreiro son abertas a todo o mundo e necesitan de todo o mundo”, lembrou. Tamén lembrou que a propia plataforma é un espazo aberto a organizacións de todo tipo, como as que xa a constitúen e que esperan que o traballo mobilizador sirva para aglutinar tamén outras entidades e colectivos.
Árgoma Cultural ● Asociación A Trastenda ● Asociación Abeiro pola Protección Animal ● Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ● Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) ● Asociación Veciñal, Cultural, Deportiva e Recreativa Agra ● Associaçom Cultural Artábria ● Associaçom José Afonso – Galiza ● Bloque Nacionalista Galego (BNG) ● Colectivo Feminista Deza-Tabeirós ● Comité Antifascista da Lourinha ● Comité Anti-OTAN de Compostela ● Comité Anti-OTAN de Lugo ● Comunismo Revolucionário Galego ● Confederación Intersindical Galega (CIG) ● Erguer – Estudantes da Galiza ● Federación Rural Galega (FRUGA) ● Fundación Galiza Sempre ● Galiza Nova ● Galiza por Palestina ● Isca! ● Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista ● Marcha Mundial das Mulleres (MMM) ● Mocidade Galega pola Memoria ● Movemento Arredista ● Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG) ● Partido Comunista pola República Galega (PCRG) ● Unión da Mocidade Galega (UMG) ● Unión do Povo Galego (UPG) ● Vía Galega