Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / A Fiscalía investiga a canteira da Trinidade en Lugo tras...

13-01-2026

A Fiscalía investiga a canteira da Trinidade en Lugo tras unha denuncia de ADEGA por irregularidades

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), coa colaboración de Mariña Patrimonio, presentou unha denuncia perante a Fiscalía Provincial de Lugo por posibles irregularidades relacionadas coa actividade da canteira da Trinidade, situada entre os concellos de Mondoñedo e Lourenzá (Lugo); entre elas, unha ocupación de terreo dez veces superior á autorizada, afeccións a dous castros e o Camiño Norte de Santiago e dúbidas sobre a imparcialidade das inspeccións.

Tras a apertura de dilixencias, a Fiscalía acordou trasladar os feitos ao xulgado mediante a interposición da correspondente denuncia/querela. Esta decisión evidencia que os feitos denunciados presentan indicios de delito suficientes como para ser investigados na vía xudicial, un paso que permite que o caso sexa examinado con maiores garantías, baixo control xudicial, e que se poidan esclarecer tanto os posibles incumprimentos da empresa explotadora como a actuación das administracións competentes.

A mina ocupa unha superficie superior á autorizada

Segundo ADEGA recolle na denuncia, a explotación ocupa na actualidade unha superficie significativamente superior á avaliada e autorizada inicialmente. En concreto, a Declaración de Efectos Ambientais de 1997 avaliou a actividade para unha superficie duns 12.100 m². Porén, a partir de documentación administrativa posterior e medicións achegadas, a superficie de terreo afectada pola actividade podería superar os 120.000 m².

Ademais desta diferenza de superficie, a denuncia solicita que se analicen outros feitos vinculados á explotación e á súa contorna, entre eles:

  • Posibles labores e movementos de terra fóra do perímetro autorizado.
  • Posibles afeccións a bens patrimoniais e ámbitos protexidos, incluídos elementos catalogados e as súas contornas de protección, tales como os castros da Trinidade e das Flores e o Camiño Norte de Santiago.
  • Posibles afeccións e/ou ocupacións de vías públicas na contorna da canteira.

Falta de imparcialidade nas inspeccións

Outro dos aspectos recollidos na denuncia ten que ver coas inspeccións realizadas pola administración mineira. Segundo a documentación consultada, algunhas destas inspeccións foron levadas a cabo por Juan Carlos Morán del Pozo, enxeñeiro técnico de minas, na súa condición de funcionario e inspector da Xunta de Galiza. Nesa mesma etapa, segundo información pública dispoñible na web (páx. 9) do Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia, Morán del Pozo ocupaba o cargo de decano-presidente, mentres que o director técnico da canteira da Trinidade, Atanasio Peña Álvarez, figuraba como vicepresidente.

Ao xuízo de ADEGA e Mariña Patrimonio, esta coincidencia de cargos pode afectar á percepción de imparcialidade do control exercido sobre a actividade da canteira, especialmente tendo en conta que, segundo a documentación revisada, esas inspeccións non deron lugar a sancións efectivas nin a medidas para restaurar a legalidade.

Por último, ADEGA reitera a súa disposición a colaborar mediante a achega de toda a documentación e información que resulte necesaria.

Ligazóns

Novas relacionadas

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal