Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / A incorporación da mancomunidade Serra do Barbanza a...
13-01-2026
O pasado 30 de decembro de 2025, a Xunta fixo pública a incorporación da Mancomunidade Serra do Barbanza a SOGAMA, polo que os residuos que antes se trataban na planta de compostaxe e reciclaxe de Lousame poderán tratarse nas instalacións de SOGAMA. Para isto, SOGAMA e a Xunta ofrécenlle aos concellos da Mancomunidade Serra do Barbanza as plantas de transferencia máis próximas, que son as de Santiago, Boiro ou Cee. Coa presenza da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, o acordo foi asinado polo presidente de SOGAMA, Javier Domínguez, e o da Mancomunidade e Alcalde de Brión, Pablo Lago.
Segundo a conselleira de Medio Ambiente, con este acordo, a Mancomunidade súmase a “unha das plantas máis sostíbeis e eficientes de toda España”. É mentira. A realidade é moi distinta e o acordo representa un paso atrás e a cesión ante as presións da Xunta e Ecoembes que viñan asfixiando este modelo alternativo xa desde 2010, cando demostrou ser dos máis eficientes de todo o Estado.
SOGAMA tratou en 2025 o 82% dos residuos xerados en Galiza, e coa incorporación da Mancomunidade da Serra do Barbanza pasará a tratar o 85% do total. Por tanto, SOGAMA é responsábel do incumprimento dos obxectivos de tratamento a nivel galego, o que se traduce na situación de Galiza como terceira comunidade pola cola en reciclaxe, só despois de Melilla e Ceuta, en 2022 (últimos datos dispoñíbeis, ver Gráfico 1). Mentres a reciclaxe en todo o ámbito SOGAMA estivo arredor do 20%, Barbanza e Nostián atinxiron reciclaxes de entre o 40 e o 50% nese ano.
SOGAMA comezou a funcionar no ano 2000 e o modelo do Barbanza fíxoo en 2003. Ao longo de máis de dúas décadas, o modelo de Barbanza multiplicou por 5 os resultados medios de SOGAMA (ver Gráfico 2). Até 2010, Barbanza superou o 60% de reciclaxe, cifra que caeu ao 35-40% nos anos que seguiron até a actualidade, pero sempre moi superior ás acadadas no conxunto do ámbito SOGAMA, que se mantivo arredor dun 10%, para situarse entre o 15 e o 20% despois dos fortes investimentos do ano 2019. Investimentos de máis de 31 millóns de euros en SOGAMA, mais que lle foron negados a Barbanza e a Nostián.
En contra do que afirma a Xunta sobre a capacidade de tratamento de SOGAMA do 100% do lixo galego, a realidade é que a planta incineradora só pode tratar unha cantidade fixa de residuos, e a porcentaxe de vertido só decrece cando decrece a entrada de residuos a SOGAMA (Gráfico 3). Por tanto, o acordo coa Mancomunidade significa simplemente un cambio de lugar de vertido dos residuos, que en vez de ir a Sobrado, pasarán a verterse no vertedoiro sen fin da Areosa. Trátase do maior vertedoiro de toda a historia de Galiza, e que acumula xa 6,5 millóns de toneladas de residuos vertidos desde a súa inauguración en 1995.
Os datos tamén indican que as supostas melloras introducidas por SOGAMA en 2019 para recuperar residuos para reciclaxe a partir da bolsa negra tiveron un efecto moi reducido. A reciclaxe total do que entra a SOGAMA só conseguiu pasar do 5,3% en 2018 ao 8,2% en 2020, o máximo histórico (ver Gráfico 3). E nos últimos anos está a diminuír, volvendo ao 6,7% en 2024! Outra das “melloras” en SOGAMA é a posta en funcionamento dunha planta de compostaxe, que tras 4 anos en operación só conseguiu tratar o 0,1% dos residuos entrantes.
En definitiva, O Barbanza incorpórase a un modelo que incumpriu os obxectivos de reciclaxe do 50% fixados para 2020, e que hoxe está aínda máis lonxe de cumprir o obxectivo do 55% estabelecido na normativa para 2025.
Cunha vixencia de 5 anos e prorrogábel, o anuncio feito pola Xunta non concreta se o que vai tratar SOGAMA son unicamente os rexeites, ou se implica, como sospeitamos, o peche total das instalacións de Servia en Lousame, coa perda de empregos que isto significaría. Está confirmado que os rexeites (entre o 60 e o 70% do lixo xerado na Mancomunidade) que se enviaban en 2025 ao vertedoiro de Sobrado dos Monxes pasarán a enviarse ao de SOGAMA en Cerceda. Nos últimos anos, SOGAMA vén enviando a vertedoiro unhas 200.000 toneladas anuais, que agora incrementará en aproximadamente un 10%.
Un punto que si aclara a nota da Xunta é que Serra do Barbanza terá que adaptar antes o seu sistema de contenerización e recollida ao modelo SOGAMA, algo que xa comezara a facer en 2025. Trátase da introdución do contedor específico para residuos de envases (“bolsa amarela”), e que como podemos ollar no Gráfico 3, só achegou nos últimos anos a reciclaxe de entre o 2,4% e o 1,9% dos residuos que entraron a SOGAMA nos últimos anos, un dos peores resultados do Estado español. Tamén aclara que SOGAMA se compromete a colaborar nas campañas de información, formación e concienciación para instruír a veciñanza na correcta separación de residuos en orixe. Tamén neste eido, os resultados de SOGAMA ao longo dos anos foron moi inferiores aos da propia Mancomunidade Serra do Barbanza.
ADEGA lamenta este paso atrás propiciado polo trumpismo ambiental da Xunta e lembra que aínda enviando os residuos a SOGAMA, os concellos do Barbanza como calquera outro do ámbito SOGAMA, poden mellorar substancialmente os seus resultados. A separación en orixe é a clave e teñen ao seu dispor modelos alternativos como a recollida porta a porta e a compostaxe doméstica e comunitaria que permitirían superar sen dúbidas ese obxectivo do 55% de reciclaxe fixado para 2025. A responsabilidade da xestión dos residuos, aínda coa Xunta a saboteala, segue nas mans das autoridades locais.