Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Eólica Así Non protesta ante o Parlamento contra as...
16-12-2025
A Coordinadora Eólica Así Non concentrouse este martes, 16 de decembro, ás 16:30 horas, ás portas do Parlamento de Galiza, para protestar contra os cambios lexislativos introducidos polo Partido Popular na chamada Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2026. A mobilización desenvolveuse canda á aprobación desta norma no interior do Parlamento, unha "trapela lexislativa" que incorpora modificacións substanciais sen debate público, sen transparencia e sen participación social, e que afectan directamente a protección da paisaxe e os dereitos das poboacións afectadas pola invasión eólica.
Durante a protesta, a Coordinadora denunciou que o Partido Popular galego, como xa ocorreu en 2023 e en 2024, volve facer un uso espurio da Lei de Acompañamento, ao empregala como vía para introducir cambios profundos, entre eles, a declaración unilateral de compatibilidade dos parques eólicos coa paisaxe galega. Tal e como recolle o manifesto, lido durante a concentración, esta decisión dilúe o significado real da paisaxe e contravén o Convenio Europeo da Paisaxe, a lei galega da paisaxe de 2008 e as directrices de calidade paisaxística de Galiza, ao deixar sen protección espazos de alto valor ambiental. A ofensiva contra o territorio, denunciou a Coordinadora, compleméntase coa presentación da Lei de Administración Ambiental Simplificada, unha nova lei depredadora que reduce a terra a unha mera cuestión administrativa, e que muda a protección ambiental pola súa simple administración.
No marco da concentración desenvolveuse unha acción simbólica baixo o lema “Por moita lei que cambien, non nos taparán os ollos. Nós tamén somos paisaxe!”. Dúas persoas caracterizadas como o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, representaron o xesto de vendar os ollos a varias das persoas participantes na mobilización, en referencia á vontade do Partido Popular de ocultar os impactos paisaxísticos, ambientais e sociais do actual modelo de depredación eólica. A acción concluíu coa retirada das vendas, que foron atadas nas reixas do Parlamento. "Por moito que cambien as leis", expresaron, "non nos van tapar os ollos. Retiremos as vendas, refreguemos os ollos e sigamos loitando contra a invasión eólica e por un modelo enerxético ao servizo do pobo, xusto coas persoas, respectuoso co medio ambiente e digno para o país".
A través desta protesta, a Coordinadora Eólica Así Non quere reafirmar que a paisaxe non é un elemento accesorio nin un obxecto administrativo, senón unha parte inseparable da identidade do pobo, da memoria, da natureza e das persoas que habitan o territorio, e insistiu en que, por moito que se modifiquen as leis, a cidadanía non renunciará a defender a súa terra e a súa paisaxe. "Non imos renunciar a ser nós", sentenzou.