Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / A conselleira de Medio Ambiente négase a convocar o...

11-11-2025

A conselleira de Medio Ambiente négase a convocar o COGAMADS para evitar informar da xestión dos lumes

Tras a vaga de incendios do pasado verán, ADEGA solicitou a celebración dunha xuntanza extraordinaria do COGAMADS (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel) para que a Xunta informara da afección e consecuencias dos lumes nos espazos da Rede galega de espazos protexidos.

Unha vaga de lumes catastrófica

Os lumes do pasado verán afectaron significativamente aos espazos protexidos galegos, e en particular, aos da provincia de Ourense. Datos solicitados por ADEGA ao ao sistema Copernicus-EFFIS (European Forest Fires Information System), cifraron en 37.819 hectáreas a superficie queimada na Rede Natura 2000, case o 11% de todos os espazos protexidos galegos. Foi a maior afección por extensión e porcentaxe a esta figura de protección dende a súa instauración en Galiza en 2004.

O obxectivo de solicitar esta convocatoria era tamén que a Xunta informara dos programas medidas e actuacións concretas que puxo en marcha para mitigar no posíbel a perda de biodiversidade e a afectación do solo, e recuperar a funcionalidade dos territorios queimados. A viabilidade ecolóxica dalgunha destas áreas, fogar de especies moi sensibles e ameazadas como o oso, a aguia real ou flora endémica, podería estar seriamente ameazada: No Bidueiral de Montederramo ardeu 56,8% da superficie; no Macizo Central o 52,4%; e en Pena Trevinca e Pena Maseira o 20,3% e o 14,8% respeitivamente. Xa que logo, os servizos ecosistémicos que estes espazos prestan á sociedade (regulación hídrica, absorción de carbono, control da erosión, subministro de alimentos...) poden estar gravemente comprometidos, como certifican os recentes problemas de subministro de auga na comarca de Valdeorras.

Censura, opacidade e desleixo

A Conselleira de Medio Ambiente Ánxeles Vázquez, Presidenta do COGAMADS, respostou denegando a nosa solicitude de xuntanza deste órgano consultivo, invocando o seu Regulamento interno: a solicitude non foi cursada por un terzo dos membros do Consello (no que ten maioría absoluta a administración), como indica o art. 20.2. Mais esa non era intención de ADEGA: o propio regulamento establece tamén que as sesións extraordinarias poden convocarse a instancias da Presidenta, e iso era o que lle solicitabamos, que tomara a iniciativa polas razóns antes expostas.
ADEGA lamenta que a Conselleira se agoche desta volta tras un subterfuxio legal para furtar o debate e a rendición de contas. Esta conduta irresponsábel e escurantista non é nova: Ánxeles Vázquez xa se negara a debater sobre a problemática eólica no COGAMADS, malia a estar o tema incluido na orde do día, mesmo chegando a ausentarse e pechar a reunión para non debatelo.

Desta volta, a súa negativa a comparecer delata non só un grave o déficit democrático ao furtar o debate no COGAMADS sobre a principal catástrofe ambiental sufrida pola natureza galega nos últimos anos, senón tamén unha preocupante falla de responsabilidade, iniciativas e recursos para facerlle fronte. A día de hoxe a Xunta aínda non cuantificou a afección dos lumes aos nosos espazos naturais protexidos -tivo que facelo ADEGA-, nin informou do estado dos hábitats e especies atinxidas, nin detallou as medidas de mitigación e recuperación a curto e medio prazo para restaurar a funcionalidade e os servizos ecosistémicos nestas áreas...

Censura, opacidade e desleixo pola nosa natureza foi a resposta da Conselleira.

Novas relacionadas

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal