Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Ferrol acolle a exposición que percorre os 50 anos de ADEGA...

07-11-2025

Ferrol acolle a exposición que percorre os 50 anos de ADEGA en defensa da terra

A exposición itinerante "50 anos coidando a Terra" da asociación ecoloxista ADEGA chegou onte, día 6, á Praza de Armas de Ferrol, onde foi inaugurada por parte de membros de ADEGA e da corporación municipal ás cinco da tarde.

Despois de viaxar por diferentes concellos do país —como Carballo, Muros, Arzúa, Valdoviño, Santiago de Compostela, Pontevedra e A Coruña—, a exposición recala agora nesta praza ata o 18 de novembro; e con ela, ADEGA pretende achegar a historia da organización e do movemento ecoloxista galego á veciñanza ferrolá. 

No econtro inaugural estiveron presentes o tenente de alcalde da cidade, Javier Pastor Díaz; o concelleiro de Medio Ambiente, José Tomé López; e o voceiro do BNG en Ferrol, Iván Rivas Rico; que acompañaron a Antón Muñiz e a Nés López, da delegación de ADEGA en Ferrolterra.

Muñiz agradeceu tanto a colaboración institucional como a asistencia do público presente e dedicou unhas palabras sentidas á memoria de dúas figuras fundamentais da delegación recentemente falecidas: Miguel Anxo González, antigo secretario da delegación, Serxio Perille Seoane, referente histórico de ADEGA na cidade. Ambos foron lembrados polo seu compromiso coa terra e pola súa contribución ao movemento ecoloxista ferrolán.

A seguir, Nés Lopes repasou a traxectoria ininterrompida da delegación de ADEGA en Ferrol desde comezos dos anos 2000, e salientou loitas como a defensa da Fraga de Menáncaro, a reivindicación do saneamento integral da Ría e a súa histórica defensa fronte á localización de Reganosa -no marco do Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol-, e o traballo en favor dunha mobilidade sostible na cidade.

Pola banda institucional, José Tomé López destacou a importancia de organizacións sociais con percorrido prolongado como ADEGA. O asociacionismo, dixo, continúa a ser unha ferramenta esencial para construír unha cidadanía activa e crítica. As tres intervencións coincidiron en sinalar a enorme relevancia dos desafíos ambientais actuais e apelaron á implicación da veciñanza como garante dun presente e futuro máis sustentable. Como peche do acto, o público asistente puido facer un percorrido guiado pola mostra da man do coordinador de ADEGA-A Coruña, Xandro García.

50 anos coidando a terra

A exposición, que conta co apoio financeiro da Deputación da Coruña, ofrece unha visión ampla das principais mobilizacións ecoloxistas desenvolvidas en Galiza nas últimas cinco décadas, desde a defensa do litoral e dos espazos naturais ata a oposición a macroproxectos industriais e verteduras contaminantes. A través de textos e imaxes, propón unha lectura colectiva da memoria ambiental galega e do papel imprescindible da sociedade organizada na defensa da terra. A mostra poderá visitarse na Praza de Armas ata o 18 de novembro.


Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal