31-10-2025
O informe da resposta á solicitude realizada pola Plataforma Outro Garañón... Na Muralla?
ICOMOS alerta de incumprimentos na protección da Muralla de Lugo e do Camiño Primitivo
A plataforma Outro Garañón... na Muralla?, da que fai parte ADEGA, vén de recibir un informe do ICOMOS España no que advirte do incumprimento do protocolo que deben seguir as adminitracións responsábeis naquelas actuacións que afectan aos Patrimonios da Humanidade. Dito informe foi remitido ás diferentes administracións responsábeis.
A plataforma veciñal solicitou a ICOMOS-España información sobre a necesidade de sometemento a exame ou análise da citada institución, de certas actuacións realizadas ou previstas no Carril das Flores, tramo viario do Camiño Primitivo de entrada no Recinto Histórico de Lugo.
As actuacións das que informou a plataforma son:
- Modificación puntual do PEPRI no quinteiro 214A, en xaneiro de 2019.
- Proxecto de urbanización do quinteiro 214A, en outubro de 2021.
- Proxecto de modificación de estrutura, en proceso de contratación.
- Proxecto de reurbanización do Carril das Flores, en proceso de contratación.
En contestación á solicitude da Plataforma, ICOMOS-España emitiu un informe no que se indica o protocolo que deben seguir as Administracións responsables da tramitación das actuacións que se pretendan realizar nos bens lucenses incluídos na Lista do Patrimonio Mundial –Camiño de Santiago e Muralla Romana- e nas súas áreas buffer.
O informe advirte o incumprimento das normas procedementais que conforman dito protocolo, en canto que as administración responsables non solicitaron estudos de impacto patrimonial nin autorización de ningún tipo da UNESCO ou de ICOMOS en relación coas actuacións indicadas, alertando do risco que supón para os bens inscritos na Lista do Patrimonio Mundial.
Ante a transcendencia destes feitos aos efectos de que se adopten as medidas oportunas para emendar a situación, así como para evitar que se volvan a producir, ADEGA deu traslado do informe ao Concello de Lugo, á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e ao Ministerio de Cultura do Goberno de España.
Todo co fin de asegurar o mantemento das declaracións da UNESCO que protexen estes bens.
Ligazóns
Descargas