Revista CERNA

Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / Orzamentos 2026: A Xunta declara compatibles os eólicos coa...

28-10-2025

Orzamentos 2026: A Xunta declara compatibles os eólicos coa paisaxe e abre novas vías ao eucalipto nos montes

No Proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas (“lei de acompañamento”) dos orzamentos de 2026 realízanse, como é costume do goberno do PP da Xunta, numerosas modificacións de múltiplas normas que pouca ou ningunha relación teñen coa política orzamentaria. Xa que logo, trátase dun recurso certamente espúreo que furta a participación pública, crea inseguridade xurídica, consolida a discrecionalidade e mesmo podería conculcar o disposto na lexislación sectorial ou de procedemento administrativo.

A norma que acompaña ao proxecto de Orzamentos da Xunta para 2026 introduce no seu Capítulo II (medio ambiente) novas modificacións ou consolida algunhas medidas xa anunciadas a respecto de normas de especial incidencia ambiental. É o caso das leis 7/2008 da paisaxe e 10/2023 de medidas fiscais e administrativas. Asemade, son significativas tamén as modificacións introducidas a través do Capítulo XIII (medio rural) na Lei 11/2021 de recuperación de terra agraria, polo que atinxe á moratoria do eucalipto.

Rueda emula a Fraga e declara por lei compatibles os eólicos coa paisaxe

Engádese unha disposición adicional na Lei da paisaxe (7/2008) para que a construción dos parques eólicos e liñas de evacuación deban consideranse (polo funcionariado) como un elemento de singular relevancia á hora de emitir os informes e permisos, e que deben darlles prioridade. Por se non ficara claro, nesta disposición adicional dise textualmente: “Considerarase que a instalación de parques eólicos é compatible cos obxectivos de calidade paisaxística recollidos nas Directrices de paisaxe de Galicia".

Os obxectivos de calidade paisaxística foron establecidos despois dun proceso de participación pública, que agora se ve conculcado pola Xunta ao declarar sen consulta nin debate ditos obxectivos compatíbeis coa planificación eólica. Aliás, esta medida contravén tanto os obxectivos de calidade xerais como os específicos para as AEIP (Áreas de Especial Interese Paisaxístico), e o que é peor, conculca a letra e o espírito da Lei 7/2008 e do Convenio europeo da paisaxe (Convenio de Florencia, ano 2000) ratificado polo Estado español en novembro de 2007.

Sen ir máis lonxe, a propia definición da paisaxe recollida tanto no Convenio como na Lei da paisaxe, fai referencia a “calquera parte do territorio tal como a percibe a poboación” (Art. 1a do Instrumento de ratificación; Art. 3a da Lei 7/2008), de xeito que a declaración de compatibilidade realizada pola Xunta implica a cousificación da paisaxe como un elemento desconectado das persoas, para as que Rueda xa decidíu.

Esta disposición adicional lembra tamén ao acordo do Goberno Fraga que en 2002 modificou o Plano sectorial eólico para declarar por decreto a compatibilidade dos parques coa paisaxe: “Procede declarar la compatibilidad de estas instalaciones con el paisaje gallego, dado el potencial eólico de la región, que haga de los parques eólicos una seña de identidad de la Galicia del futuro”. Mais, desta volta, a Xunta vai máis lonxe, xa que modificación actual engade: “Só se considerará a existencia de impactos paisaxísticos críticos nos casos excepcionais nos que a instalación de aeroxeradores en áreas de especial interese paisaxístico produza unha perda permanente da calidade das condicións ambientais, sen posible recuperación tras o cesamento da actividade, incluso coa adopción de medidas protectoras ou correctoras". A valoración dos impactos dunha determinada infraestrutura sobre unha paisaxe singular faise en base a determinados criterios obxectivables, que son os que deben guiar o sentido dos informes emitidos pola administración. Declarar por lei como e cando eses criterios deben ser tidos en conta ou non, malia a deviren en impactos obxectivos, supón a consolidación da arbitrariedade (coa conseguinte inseguridade xurídica) á hora de emitir a correspondente declaración administrativa.

Máis barullo xurídico: retroactividade das prebendas administrativas ás eólicas

O recurso espúreo de usar unha norma orzamentaria para modificar discrecionalmente lexislación sectorial acada novas cotas de absurdo ao mudar, desta volta, outra “lei de acompañamento”. A Xunta introduce cambios na de 2024 a través da de 2026, que atinxen á presunción de interese público superior dos parques eólicos de competencia autonómica. Modifícase para precisar a que proxectos será aplicábel esta presunción: aos iniciados con posterioridade ao 30 de decembro de 2022 (solicitudes de autorización previa, de construción e de explotación); e aos iniciados previamente sempre e cando non tiveran nesa data concedida autorización de explotación (afectando tamén as solicitudes de autorización previa, de construción e de explotación).

Á marxe de que xa en 2023, esta medida abeiraba a inconstitucionalidade ao vulnerar o principio de non retroactividade dunha norma, o sentido desta modificación sería precisar que a “autorización definitiva” á que fai referencia dito punto é a de explotación, último chanzo administrativo antes da construción das instalacións. Deste xeito, a Xunta amplía os beneficios da consideración de “interese público superior” á práctica totalidade dos parques que por calquera motivo (administrativo, xudicial, de parte...) non tiveran acadado esta autorización de explotación, independentemente da fase na que se atopen.

Esta medida é outra concesión máis á patronal eólica e pretende condicionar as eventuais decisións dos órganos administrativos á hora de emitir os preceptivos informes e autorizacións, así como dos tribunais naqueles parques que vaian ser ou estean xa xudicializados.

Novos buracos na "moratoria" do eucalipto: agora, a polo territorio do piñeiro

A "moratoria" trampa do eucalipto, desenvolvida a través da lei de recuperación da terra agraria (11/2021), remata este ano. Porén, a Xunta amplíaa até 2030, mais, de novo, esta medida ten truco:

  • Permitiranse repoboacións de Eucalyptus para substituír outras anteriores e transformalas en masas de coníferas ou frondosas caducifolias, incluso entre parcelas forestais de titulares distintas. Esta medida de "troco" de parcelas mesmo entre diferentes propietarios, aparentemente favorecedora dunha progresiva deseucaliptización moi necesaria nos espazos protexidos, podería rematar fomentando o acaparamento de terras por parte das pasteiras para consolidaren grandes masas, rebaixaren os custos de explotación e afortalaren a súa presenza no territorio fronte aos particulares e comunidades.

  • Permitirase plantar eucaliptos para substituír as masas de piñeiros danadas pola praga da banda marrón (Lecanosticta acicola) até un máximo do 50% (e unha soa quenda de corta) da superficie da parcela, debendo repoboarse o outro 50% con coníferas ou frondosas. Esta medida, lonxe de contribuír ao combate contra esta praga forestal, pretende ampliar descaradamente a superficie de eucaliptais e presentar a especie como substitutivo do piñeiro. Por desgraza, xa coñecemos cal é o compromiso da Xunta cunha xestión forestal sustentábel e o seu rigor no cumprimento das súas propias normas. Abrir a porta á substitución doutras especies forestais por eucalipto aproveitanto un andazo, calesquera que sexan as condicións, significa consolidar novos focos de invasión desta especie e o probábel control de máis superficie de monte por parte das pasteiras.

Novas relacionadas

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal