Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA e Mariña Patrimonio reclaman protección para a Mina...
27-10-2025
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e Mariña Patrimonio veñen de presentar unha denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC) pola realización de novos traballos mineiros, desmontes e movementos de terra asociados á canteira Nuestra Señora de Begoña, situada no lugar da Espiñeira, parroquia de Vilaronte, no concello de Foz (Lugo).
Os recentes movementos de terra, atribuíbles á empresa Euroarce Caolines S.L., afectan directamente á Mina Romana da Espiñeira (GA27019024), un ben catalogado e protexido tanto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural como polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Foz.
As asociacións denuncian que os traballos realizados pola empresa se están a desenvolver dentro da contorna de protección arqueolóxica e que estarían a causar danos directos na antiga mina romana, concretamente sobre unha canle de evacuación identificada e documentada en estudos arqueolóxicos (na foto da dereita).
Esta canle aparece xa identificada no traballo sobre minería antiga realizado no ano 2019 polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), asinado polos arqueólogos Brais Currás e Javier Sánchez-Palencia. Neste traballo delimítase a área correspondente á Mina Romana da Espiñeira e documéntanse as súas canles de evacuación.
No mesmo sentido, o recente “Informe de delimitación planimétrica do xacemento explotación aurífera de A Espiñeira”, elaborado en marzo de 2025 por encargo da Dirección Xeral de Patrimonio e asinado polo arqueólogo Santiago Ferrer, representa na súa planimetría a mesma zona como parte da antiga mina romana, coincidindo coa delimitación establecida polo CSIC, que identifica ese tramo concretamente como unha canle de evacuación da antiga mina romana.
Segundo ADEGA e Mariña Patrimonio, estes traballos poderían estarse realizando sen contar coa autorización previa da DXPC nin co preceptivo control arqueolóxico que esixe a lexislación vixente en materia de patrimonio cultural.
Por este motivo, solicitan á DXPC que paralice de inmediato os traballos, inspeccione con urxencia a zona afectada e, se se confirma que non existe autorización, abra o correspondente expediente sancionador e adopte as medidas necesarias para reparar os danos causados na Mina Romana da Espiñeira.