Inicio / ADEGA / Novas / ADEGA Nacional / A Coruña, a cidade onde ADEGA naceu, acolle a exposición...
23-10-2025
A exposición conmemorativa dos 50 anos da organización ecoloxista ADEGA pode visitarse desde este xoves, 23 de outubro, na Praza de Lugo, na Coruña, onde permanecerá instalada ata o 4 de novembro. A inauguración, acompañada dunha visita guiada pola mostra, celebrouse hoxe ao mediodía en colaboración co Concello da Coruña e contou coa participación de representantes institucionais e de diversos colectivos sociais que quixeron acompañar hoxe a ADEGA na cidade que a viu nacer.
Baixo o título “50 anos coidando a terra”, a mostra itinerante fai un percorrido pola historia de ADEGA e pola súa loita en defensa do medio ambiente galego ao longo de cinco décadas. Despois de recalar en diferentes concellos do país —como Carballo, Muros, Arzúa, Valdoviño, Santiago de Compostela ou Pontevedra—, a exposición chega agora á Coruña para ofrecer á veciñanza a oportunidade de coñecer os principais fitos, campañas e mobilizacións que marcaron e marcan a historia do ecoloxismo galego.
O acto foi presentado por Froilán Pallín, secretario xeral de ADEGA, quen agradeceu a presenza de todas as persoas e entidades asistentes, entre elas a cooperativa de consumo responsable Zoca Miñoca, a Unión Comarcal de CCOO da Coruña e a asociación Outra Forma de Vivenda. Pallín lembrou que os inicios de ADEGA se sitúan precisamente nesta cidade e aproveitou para reclamar que a rúa onde naceu a asociación deixe de levar o nome de Primo de Rivera e pase a chamarse Domingo Quiroga, en homenaxe ao primeiro presidente de ADEGA.
Tamén tomou a palabra a concelleira de Medio Ambiente da Coruña, Yoya Neira, que parabenizou o labor de ADEGA en defensa da terra durante estes 50 anos e apelou á importancia do asociacionismo. Ambos abordaron a xestión do lixo na cidade da man de Nostián, que aposta por un modelo diferente, sen incineración, respecto do resto de Galiza. Canda á concelleira acudiu tamén o representante do BNG na Coruña, Francisco Jorquera. O encontro rematou cunha visita guiada pola mostra da man do coordinador de ADEGA-A Coruña, Xandro García, que explicou na súa intervención algunhas das loitas máis destacadas de ADEGA na cidade, como, precisamente, as que teñen a ver cos residuos ou coas mareas negras na costa.
A exposición ao aire libre estrutúrase en 16 paneis distribuídos en catro tótems cúbicos, acompañados de bidóns simbólicos que recrean materiais radioactivos, en referencia á oposición galega aos vertidos nucleares na Foxa Atlántica, unha das mobilizacións ecoloxistas máis emblemáticas do país. A través de textos e imaxes, a mostra ofrece un percorrido pola historia da organización e polas principais ameazas ambientais ás que se enfrontou Galiza nos últimos 50 anos, desde a loita contra as verteduras contaminantes e os incendios forestais ata a defensa do territorio fronte á especulación e os macroproxectos industriais.
Esta mostra, que conta co apoio financeiro da Deputación da Coruña, ten como obxectivo conmemorar o 50 aniversario de ADEGA, promover a educación ambiental e incentivar o compromiso das novas xeracións coa defensa da terra e dun futuro sustentable para Galiza.